A oposición fala en Guitiriz

TerraChaXa
Dúas caras novas dirixen os dous partidos que fan oposición ao Goberno local socialista
oposicion-guitiriz
23 Mar 2025

PP

Á fronte do Partido Popular de Guitiriz está José Manuel López Rodríguez, que substituíu a Xosé María Teixido en 2022 ao ser nomeado presidente da xestora do PP municipal. O seu debut na política foi tardío e chegou á mesma desde outras tarefas representativas, como foi a do presidente da Comunidade de Montes de Parga. Desde aí, a amizade e a simpatía de ideas levouno a ingresar no partido. Asentado como está na oposición, optar por facer “unha oposición construtiva, facendo propostas e apoiando todas as iniciativas de calquera grupo político, importándonos solo o beneficio dos veciños. Ademais dun labor de control sobre o grupo de goberno, tanto fiscalizador como das súas políticas, xa que é unha das bases do funcionamento do Concello”.

Para el, a mellor maneira de axudar a mellorar a vida de Guitiriz é “a través do contacto cos veciños, coas distintas asociacións do concello e trasladando aos plenos os problemas e preguntas que nos presentan os propios veciños. Tamén a través das mocións que presentamos nos plenos sempre con temas relacionados co noso concello, facemos un labor de traslado ao equipo de goberno de todo iso que os veciños nos din, pero logo atopámonos coa maioría que a señora alcaldesa ostenta e pódenos facer caso ou non. Aí acaba a nosa capacidade de acción”.

Moi satisfeito co papel que ocupa afirma que a súa tarefa non supón ningún sacrificio, “fun servidor público durante máis de trinta anos e sigo exercendo ese servizo como unha honra que me conceden os veciños. Os veciños decidiron que tiña que estar na oposición, como si me tocase gobernar, pero a ilusión e dedicación son a mesma, quen pasan os sacrificios son a miña familia e os meus amigos que se ven privados da miña presencia e compaña”. Por outra banda considera un beneficio do seu labor “o trato cos veciños, falar con todos, escoitar as súas inquedanzas saber de primeira man o que esperan dos seus gobernantes e a opinión do que facemos e cando algún dos nosos rogos, que como antes dixen son deles, se executan, ver o agradecemento que che dan”.

Para José Manuel hai un obxectivo clave, que é “volver a conseguir o goberno para o Partido Popular. Non teño máis aspiracións políticas. Sería toda unha honra e un orgullo para min que os veciños depositasen en nós a súa confianza”.

Para lograr este obxectivo ten deseñadas unhas liñas de traballo que pasan por un fin principal é inicial que é “fixar poboación, para o cal atraer empresas ao noso concello é fundamental, así coma xestionar ben os servizos de conciliación para as parellas que teñen nenos e tamén os nosos maiores, sen esquecer o noso sector primario, tanto gandeiro como no sector lácteo. Tamén lle hai que dar unha gran volta ao noso sistema de auga municipal, a inacción ou a mala xestión estes anos do Partido Socialista fai que sigamos tendo episodios de auga moi turbia na traída de auga municipal. Por último, e non menos importante, somos un Concello con certa atracción turística, temos que potenciar o noso mercado dos mércores e tamén o noso comercio e hostalería”.

BNG

Mónica Roca, pola súa conta, chegou máis tarde á parte visible da política municipal. De feito, presentouse por primeira vez no 2023, aínda que levaba tempo xa traballando co BNG. Accedeu á política porque como explica, “non tolero nada ben as diferenzas por clases sociais, as diferenzas de oportunidades en función do berce que te arrolara ao nacer, sobre todo en cousas tan básicas e fundamentais como a saúde e a educación ou  os coidados en xeral”.

Desde que se puxo á fronte, recoñece que o seu labor se fundamenta en O noso papel neste concello é, por un lado, “ser a voz do noso pobo ante o equipo gobernante, somos unha correa de transmisión das necesidades e inquietudes das nosas veciñas e veciños ante quen ten a responsabilidade de achegar as solucións mais tamén ten os recursos para levalas adiante”.

Afirma que tamén outra das facetas do traballo e “concretar iniciativas, facendo propostas construtivas en cada Pleno a través de rogos e mocións, que sen dúbida de levalas á cabo mellorarían o noso concello e a vida de quen nel vivimos. Facemos propostas tanto a nivel de mantemento e creación de infraestruturas necesarias, como medidas de apoio social, de dinamización, etc... en definitiva, ideas de traballo que farían do noso concello un sitio máis cómodo, máis funcional e atractivo para vivir e facer vida”. Recoñece que estas propostas non contan co apio do Pleno e outras tampouco “non temos ningunha garantía de que se leven adiante por parte do equipo de goberno, o cal fai que moitas desas propostas sexan unha constante en todos os plenos”.

Coñecedora desta situación asegura que “estamos aquí para loitar pola mellora da calidade de vida da nosa veciñanza e iso faremos; insistindo nas propostas non executadas máis innovando outras día a día”.

Deste tempo á fronte do BNG, Mónica Roca sabe que o sacrificio mía grande “é o tempo que hai que investir para canalizar toda esta ilusión e esta ansia que temos por sacar ao noso concello do declive manifesto que estamos a sufrir dende hai anos”. Como traballa a xornada completa todo o seu traballo na política sae do tempo de ocio “e ás veces, dependendo das frontes que teñamos abertas parece que os días terían que ter 36 horas”, aclara.

Por outro lado ten a satisfacción “de estar facendo todo o posible, todo o que está nas miñas mans para que entre todo o equipo do BNG de Guitiriz, poidamos encamiñar o futuro do noso concello. E outro dos beneficios máis directos é tamén esta relación directa con tantas persoas que xa nos teñen como referente para que lles botemos unha man na mellora do seu día a día”.

Nestes dous anos Mónica asegura estar “estou moi contenta co grupo de traballo actual, síntome moi arroupada e gústame a sinerxia que temos a nivel de política municipal. Así que o meu obxectivo é achegar o necesario para facer medrar este grupo, mantelo forte e sempre coa mesma ansia de loita por mellorar a calidade de vida de todas as persoas que habitamos neste concello”.

A aposta do seu partido de cara ao futuro pasa por “a xestión dos servizos públicos municipais que é practicamente nula e o deterioro é moi notable”. Outro dos piares fundamentais é a xestión dos servizos sociais, “que garante que ninguén teña que marchar da súa casa e moito menos do seu concello por necesitar apoio para o seu coidado”.

⚙ Configurar cookies
0.35426902770996