A oposición fala en Meira

TerraChaXa
A parte da Corporación fóra do Goberno está formada por tres concelleiros populares e un do novo partido Contamos
concello-de-meira
Os membros do Partido Popular (arriba) e Pablo Corbelle
22 Jun 2024

Meira é actualmente un concello de maioría socialista, cunha oposición que estaba moi dividida, xa que se presentaron 5 partidos ás eleccións. Finalmente o PP pasou a ser o líder la oposición con 3 concelleiros, dous máis que na lexislatura anterior, que lle restou ao PSOE, que caeu un, e ao BNG, que desapareceu. Continúa tamén na Corporación o de Galicia Sempre, baixo o nome agora de Contamos.

PP

O empresario Óscar Fernández lidera o Partido Popular e tamén a oposición no Concello de Meira. É un chegado recente, xa que en febreiro de 2023 foi nomeado presidente da xestora popular e posteriormente candidato ás eleccións. Tralo primeiro crecemento na representación municipal o seu obxectivo agora é “desenvolver un claro proxecto de Concello no que aínda estou actualmente traballando coa finalidade de presentar un proxecto serio e cun equipo que teña unha clara vocación veciñal para as seguintes eleccións municipais”. Chegou á política Óscar desde outros proxectos emprendidos no concello e foi chamado polo PP para liderar o seu partido, tarefa que acolleu con gusto.

Define o seu papel na oposición “para poñer de manifesto as carencias e falta de proxección de futuro que sufre desde fai anos o concello ao tempo que proporcionamos un papel construtivo no que aportamos ideas e proxectos que son imprescindibles”. Para iso afirma que non hai un sistema fixo de traballo, pero ten claro que ten que “recoller as inquedanzas e problemas dos nosos veciños e traballar para corrixir os problemas que existen. Debemos formar parte activa da vida do concello, vivir, traballar, facer vida social no concello, posto que esta é a forma de saber dos nosos problemas”.

PP: “A finalidade é crear un proxecto serio e cun equipo qe teña unha clara vocación veciñal”

Explica Óscar Fernández que o seu traballo estase centrando en reunións cos veciños, en temas de actualidade, como o inventario de camiños e tamén están empezando a programar actividades que dinamicen o tecido económico, “recollendo ideas e proxectos que xa existiron ou desenvolvendo novas actuacións”. O PP estivo no Goberno en varias ocasións liderando proxectos como o parque Profesor Río Barja ou a gardería.

Para Óscar Fernández, empresario local, non sempre resulta fácil conciliar a vida política coa laboral e familiar. Bota de menos pasar tempo coa súa pequena pero considera que “participar da política fai tamén que axude a dar unha vida mellor no lugar onde queremos estar”.

Contrarrestan os beneficios, o primeiro é para el “o proxecto de futuro para a vila na que vivo, traballo e crío a miña filla, polo que dar un futuro mellor aos meus veciños. E o segundo dos beneficios é a relación cos veciños de Meira, xa que non imaxinaba a boa acollida que ía ter nas visitas que fixemos en todo este tempo e no día a día”.

Para o dirixente popular as metas a traballar pasan por dispor de solo industrial, “sabemos que temos unha grave carencia desde fai anos e o Concello non está poñendo os medios para corrixilo, como na vivenda, polo que é necesario facer un Plan Xeral”. Aposta tamén por unha oferta suficiente de actividades para os pequenos “sen que teñan que irse a outros concellos, ben sexan de tipo deportivas ou culturais”, para o que fai prioritario dispor dunhas infraestruturas deportivas adecuadas.

Aposta tamén por un proxecto formativo para a mocidade, “de forma que non marchen todos como ata o de agora”. No rural, indica a necesidade de concentracións parcelarias “que fan máis competitivas ás explotacións”.

CONTAMOS

Pablo Corbelle está á fronte do outro partido na oposición, Contamos, do ámbito de Galicia Sempre, que revalidou representación, o 10% do electorado.

Interesado desde sempre na política, o seu líder incorporouse ao seu partido desde as últimas eleccións municipais e escolleu este “porque non tes ataduras, ninguén por riba que che diga o que tes ou non tes que facer”.

Considera un único e global obxectivo no seu proxecto “facer que Meira medre e sexa un referente na comarca”, e defende para iso as liñas do seu programa, que apostan pola “máxima transparencia, igualdade, traballar para que o rural teña as máximas facilidades para vivir e traballar e un plan de axudas para os maiores”, entre outras.

Contamos: “Este papel de oposición é un agradecemento no un sacrificio”

Incorporado desde o inicio no papel de oposición, considera que o seu papel é “trasladar aos veciños o que se fai no concello cos seus impostos e explicarlles o que se fala nos plenos (os cales baixo o meu punto de vista deberían ser gravados) xa que no que vai de lexislatura chámame a atención a pouca xente que acude ver os plenos”.

Define o seu día a día do seguinte xeito: “Cando un veciño se pon en contacto comigo por algo que está mal, hai que arranxar ou o que precise, desprázome a ese sitio, vexo e no seguinte Pleno traslado o asunto ao Goberno. Despois si o fan ou non xa é cousa deles porque ao ter maioría absoluta fan o que queren”. Afirma que ese papel que ten "é un agradecemento, non un sacrificio”, e que o beneficio será “cando vexamos a Meira saír do atasco no que está metida”.

Para Pablo Corbelle as necesidades máis urxentes son “a ampliación do polígono industrial, realización dun plan urbanístico, vivenda pública, ampliar o centro de saúde, limpeza e melloras nos camiños, concentración parcelaria, aumento da ponte, atención a xente maior, etc. En resumen, hai moito por facer, estamos estancados”.

Finalmente os dous coinciden en sinalar que as relacións da oposición cos veciños son boas e cordiais.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17686891555786