A oposición fala en Muras

TerraChaXa
A unha oposición formada por PP e PSOE incorporouse unha nova voz cun concelleiro que deixou o Partido Popular
concello-de-muras-casa-consistorial
4 May 2025

PP

Unha diferencia mínima de votos marcou a diferenza entre o PP e o BNG, partido que goberna en minoría. Aínda que obtivo tres concelleiros, agora quedou con dous xa que Julio Díaz deixou a disciplina popular para seguir como non adscrito. Á fonte do PP está Eugenia Requeijo, que se presentou por primeira vez en 2029, cando foi nomeada voceira do partido. Trala renovación en 2022, foi reelixida.  A política venlle a Eugenia de sempre, xa que o seu pai, Danilo Requeijo, foi concelleiro e voceiro do PP en muras.

Define a súa función como oposición para “controlar as accións do goberno e para que os veciños coñezan tamén a parte que o equipo de goberno non conta. Tamén temos unha función propositiva”.

Afirma que ademais das mocións, rogos e preguntas, “se é necesario, tamén falamos en persoa co equipo de goberno, como fixemos nalgúns temas que son de interese para Muras. Creo que defendemos o que nos pide a xente ofrecendo cercanía e humildade”.

Como nai e traballadora que é, a política supón tamén “un importante esforzo á hora de conciliar a vida familiar, laboral e a actividade política a maiores porque esta supón moitas horas para estudar papeis, informarse de temas, preparar os temas que se defenden nos plenos, asistencia aos plenos e comisións, reunións… Todo isto sen ningún tipo de recurso, pero todo o facemos para tratar que Muras mellore”.

Resume como o seu principal obxectivo, “traballar para ter máis servizos e mellorar a calidade de vida dos veciños do noso pobo. Coñezo ben o noso concello e as nosas necesidades e o que me preocupa é buscar alternativas para defender a nosa terra”, o que transmite nun programa no que “centrado e na mellora do día a día dos nosos maiores, a creación de postos de traballo, a construción de vivendas sociais, a dotación de solo industrial, fomentar o turismo rural e outras medidas para facer que Muras sexa un concello atractivo para vivir e traballar”.

NON ADSCRITO

Julio Díaz Díaz vai en solitario desde hai uns meses, cando decidiu deixar a liña do Partido Popular “por discrepancias internas”. A súa saída xerou conflito pero el asegura “que non teño ningún pacto co equipo de goberno, tal e como están a estender entre a veciñanza membros do meu anterior partido, pido prudencia coas declaracións que se fagan e non crear bulos”. Integrado como non adscrito continúa o seu traballo na oposición, traballo que se iniciou en 2023 cando se integrou na lista popular. O seu obxectivo principal está en “sacar ao pobo deste letargo político no que leva sumido dende fai anos, porque vemos que se están desaproveitando os diversos potenciais que ten Muras, estamos nun lugar privilexiado pola situación xeográfica e é unha mágoa que os nosos dirixentes non teñan unha visión de futuro, tanto en tema de industria como en turismo ou potenciar o sector agrogandeiro”.

Para el, a política ten unha gratificación, que é “sentir o agradecemento e a confianza da xente, iso é o que me mantén en política”. Asegura que é “apaixonante” e que amosou un grao de compromiso ao pedir unha excedencia do posto de traballo “para seguir na acta de concelleiro”.

Ten claro que a súa función está en “facer unha oposición con transparencia, mirando sempre polo colectivo, facer críticas construtivas e ser a voz da veciñanza nos plenos”.

Entre as súas preocupacións máis inmediatas está “recuperar e dispor dunha oficina bancaria a cal se cerrou fai anos, loitar por atraer poboación e que o colexio se manteña aberto xa que a xuventude e o presente e futuro, e, por último, dispor dun maior orzamento municipal para a atención aos nosos maiores, recuperando tamén a casa da terceira idade que este goberno do BNG pechou, porque queremos ser pioneiros en todo e a día de hoxe temos veciños que non dispoñen de alumeado público e os accesos a moitas vivendas e explotacións gandeiras están en estado lamentable”.

Con esta nova posición, o concelleiro tende man “tanto á oposición como ao equipo de goberno, porque xa o di a Constitución, que todos os partidos son instrumentos para a participación política, todos sumamos, todos achegamos e temos que tentar entendernos e convivir”

PSOE

Debutou tamén 2023 Jennifer Gómez, que se presentou como candidata á Alcaldía a proposta do partido, “quizais a falta de tempo para poder pensalo foi o que me levou a aceptar a proposta”.

Afirma categoricamente que o seu obxectivo político “nace en Muras e vai morrer en Muras, so teño o obxectivo de poder servir o meu pobo no que decidín vivir e poder axudar os meus veciños en maior ou menor medida. En non busco publicidade nin beneficio propio porque eu vivo en Muras, non veño vivir de Muras”. Cre que o papel da oposición está en colaboración co goberno local, achegando ideas, proxectos e sobre todo trasladar as necesidades dos veciños e do seu día a día, xa que temos veciños que igual non se senten cómodos ou representados.

Nesta liña, cre necesarias para Muras “cousas moi sinxelas como poder dar servizo porta a porta os veciños, se nós estivésemos no goberno trataríamos de facer visitas continuas aos nosos veciños para ver que necesidades teñen no seu día a día, fixémolo na campaña e outra vez despois da mesma e non piden nada imposible, luz pública, arranxo de camiños e carreteras e vida social entre os murenses, colaboración real coas asociacións e saídas dos veciños como se facían antes”.

Tamén bota en falta Jennifer “unha gran carencia dende o goberno municipal á hora de axudar os nosos veciños nas xestións administrativas e burocráticas do día a día que cada vez son máis tediosas e os nosos maiores que son a maioría no Concello lles costa cada vez máis, así como poder facilitar os desprazamentos para facer esas xestións. Nun pobo con poucos habitantes isto non pode supoñer un problema”.

Reclama “a falta de alumeado público para poder pasear cos nosos fillos polo pobo, a falta de mantemento das beirarruás de acceso e incluso da propia área recreativa como son as gradas do campo de fútbol, onde os nosos pequenos tamén quedan para pasar un ratiño polas tardes, entre outras moitas cousas”.

Afirma que “os veciños acoden a nós con pequenas cousas nas que queren que lles votemos unha man, a pena é que cando o fan e porque dende o equipo de goberno non lles están dando solución”.

eugenia-requeijo-pp-muras
⚙ Configurar cookies
0.16191697120667