A oposición fala en Outeiro de Rei

BNG
Outeiro de Rei é un dos concellos máis poboados e tamén un dos máis extensos, no que o Partido Popular ten unha longa historia de Goberno. Tamén levan moitos anos sendo a súa principal oposición os concelleiros do BNG, dirixidos por Xosé Ferreiro Fernández, un histórico do partido que pasou por varios cargos políticos.
Forma parte da política local desde as eleccións de 2015, hai dez anos. Chegou a política da man da CIG, pero as súas inclinacións xa de vía desde pequeno, “nunca soportei aos abusóns, a xente que vivía a conta dos demais, sobre todo dos máis débiles. Deime conta moi rápido de que o que pasaba a nivel das persoas pasaba tamén a nivel do meu país. Todo iso, xunto co amor ao meu país e o desprezo que existía (e segue a existir) polo noso idioma, pola nosa cultura e por todo o que o representa, levoume a ser de esquerdas e nacionalista.
Desde a súa chegada á política tiña claro un obxectivo, “colaborar na mellora das condicións de vida da miña xente, que son as traballadoras e traballadores e as clases populares en xeral. Eu colaboro na política para cambiar as cousas, non para que as cousas me cambien a min. Non soportaría que as moquetas ou os sofás dourados me afectaran e iso só se evita se nunca perdes o norte, se tes claro quen es e quen é a túa xente”.
Tamén ten claro cal debe ser o papel como membro da oposición, “nun concello que funcione con normalidade democrática, a oposición do BNG debería ter eses dous papeis: por unha banda, fiscalizar e controlar a acción de goberno e, por outra, facer propostas en positivo para mellorar esa acción e, dese xeito, mostrar tamén como sería o goberno do BNG se houbese esa posibilidade. Iso é o que a nós nos gustaría facer, pero en Outeiro iso non é posible”.
Despois destes anos á fronte do BNG pon na balanza os beneficios que lle supón esta ocupación, “sentir que colaboras na mellora da vida da túa xente é o máis gratificante”, en os sacrificios que hai que facer, “moitas horas que hai que sacar do tempo libre ou doutras cousas que nos gusta facer. Chega a ser realmente estresante compaxinar o traballo profesional, a familia e o traballo no concello”.
Define tamén o seu papel dentro da oposición do Concello de Outeiro de Rei: “Dado que é un concello un tanto especial pola forma de gobernar que ten o alcalde, o noso papel principal é de fiscalización e control da acción de goberno, evitando dentro das nosas posibilidades os abusos, o uso fraudulento dos fondos públicos e as discriminacións no trato á veciñanza”.
Para Xosé Ferreiro, as principais necesidades de Outeiro de Rei son “deixar de ter un urbanismo dirixido aos amigos e á construción de grandes urbanizacións, permitindo que medren todas as parroquias, democratizar o concello para que toda a cidadanía teña os mesmos dereitos, abaratar o chan industrial para que o Parque Empresarial teña empresas e non siga baleiro na súa maior parte, levar o saneamento a todos os núcleos rurais, coidar e protexer o patrimonio histórico e natural, converténdoo nunha oportunidade de futuro, rematar coa débeda de xestión que nos está a afogar economicamente, ter unha auga que se poida usar cando chove, aglomerar as estradas de maior tráfico, limpar as cunetas e beirarrúas cando sexa necesario, ter impostos coherentes cos servizos, rematar co caciquismo e cos abusos, etc, etc, etc... Podería seguir así durante horas”.

PSOE
Á fronte do PSOE está Carmen Acacio, que se vinculou ao partido da localidade xa no 2007, pouco despois de que se instalara no Concello, “porque de sempre, na miña familia fomos persoas preocupadas pola realidade política do noso país. Hai moitas maneiras de pensamento político e cada un de nós debemos saber de que xeito queremos que nos gobernen, que é o primordial nas nosas vidas. Toda esta miña preocupación levoume a interesarme por aqueles que pensaban coma min no concello, persoas progresistas”.
Ademais, desde o seu papel na oposición defende o traballo diario que leva a cabo “sempre tratamos de propoñer iniciativas para mellorar a actividade diaria do Concello e intentamos apoiar á veciñanza nas súas reclamacións, como pasou co tema da falta de pediatras no centro de saúde. O Grupo Municipal do PP ten a maioría absoluta e non sempre ocorre que as nosas peticións saian adiante”.
Aínda así sabe cal é o seu papel “facer propostas a un goberno sen ideas, ideas que despois utiliza como propias. Neste Concello inténtase borrar a existencia da oposición, como se quixesen facer ver á poboación que so hai un tipo de votante e nós representamos aos veciños e veciñas que, nas pasadas eleccións, escolleron outras maneiras de facer a política municipal. Iso non o poderán tapar nunca”.
Nestes anos de dedicación, Carmen Acacio sabe que o principal sacrificio que se fai é o tempo de se dedica, pero asegura “que todo é cuestión de organización”. Ademais, para ela o mellor beneficio é “o contacto cos veciños e veciñas e a satisfacción persoal de ver que o traballo que levaches a cabo para preparar os Plenos dá o seu froito. Grazas a ter sido nomeada Voceira do Grupo municipal socialista descubrín que vivo nun concello excepcional pero que aínda ten moito que facer en moitos aspectos como o urbanístico, por exemplo”.
Por isto mantén o que o seu principal obxectivo está en “Seguir traballando para axudar a mellorar a vida dos veciños e veciñas do meu concello”.
Así, unhas das principais liñas de traballo para ela é “que se leve a cabo un Plan de Ordenamento Urbanístico do noso Concello, como así o esixe a lei autonómica. Intrinsecamente nese Plan está que se lle dea unha solución definitiva á Urbanización da Palloza, que leva uns 25 anos en estado lamentábel por culpa da mala xestión do actual alcalde”.
Ademais, suma ao seu proxecto de futuro outras necesidades para Outeiro de Rei, como son: “que se amplíe a rede de saneamento a certas zonas que aínda non a teñen e que están altamente poboadas pois actualmente esta só chega a 5 das 27 parroquias, ademais, a atención pediátrica é totalmente deficitaria para un concello como este, así como a atención primaria, en evidente estado de desmantelamento. Outro tema que nos move a actuar é o Parque empresarial de Outeiro de Rei, xa que non está explotado como merecería: Hai moito terreo baleiro e non hai unha preocupación por parte do goberno municipal por promocionalo de maneira efectiva”.