A oposicion fala en Pol

Pol
TerraChaXa
O concello, de maioría socialista, conta con dúas mulleres á fronte dos dous partidos da oposición
oposicion-pol
12 Jan 2025

PP

A corporación de Pol, de tradición socialista e cunha das poboacións máis envellecidas da provincia, conta cunha oposición popular que lidera desde as últimas eleccións Nicole Grueira, unha das candidatas máis novas que se presentaron en Galicia e que logrou aumentar a súa renda de votos ata chegar a dous concelleiros. De feito, foi precisamente nesta lexislatura cando se presentou por primeira vez á Alcaldía.

Iniciouse recentemente na política, a raíz dunha xuntanza de veciños de Meira, onde comezou a involucrarse. “A partir diso, foron xurdindo diferentes situacións e oportunidades que me foron levando a dar pasos máis concretos. A vida sempre ten a súa maneira de sorprendernos, e a min foi exactamente iso o que me aconteceu. Nunca imaxinei que estaría nesta situación, nunca foi algo que tivese nos meus plans”, explica. Aínda así ten como meta recuperar a Alcaldía que durante 20 anos foi do popular José Luis Fugarolas, do que destaca a posta en marcha do alumeado público, a urbanización da capitalidade, o impulso e remate de concentracións parcelarias, o impulso da recollida do lixo, a chegada da traída de auga, o arranxo de pistas para mellorar a conectividade e a construción das piscinas, “un traballo que foi rematado baixo o goberno do PP, aínda que foi inaugurado polo PSOE”.

Para Nicole Grueira un dos obxectivos principais é mellorar as infraestruturas e fomentar a creación de emprego, “para xerar máis oportunidades e impulsar o crecemento do noso municipio. Tamén me comprometo a garantir que os nosos maiores teñan acceso fácil e rápido a todos os servizos que precisan. Para os máis novos, a ampliación da oferta de vivenda e a creación de facilidades para as familias son unha prioridade, coa fin de fomentar o crecemento demográfico. Ademais, mellora dos servizos públicos, arranxo de pistas e, de forma fundamental, sanear a economía do concello que se atopa nun momento crítico cunha débeda que supera os 3 millóns de euros”. Considera de feito esta última como a necesidade máis imperante en Pol.

Nesta experiencia política destaca como negativo “a frustración de non poder axudar tanto como nos gustaría, xa que non temos a capacidade de executar directamente as políticas que quixeramos levar”, así como o tempo que lle dedica ao seu labor de vixilante, “que implica que moitas veces non hai tempo para outras tarefas ou actividades persoais”.

Considera que o seu labor como oposición é ter un papel “construtivo e responsable” e cre que o seu labor é “levar propostas que solucionen os problemas da xente, para fiscalizar a xestión do goberno, para garantir que os recursos se utilicen de forma eficiente e para que as políticas públicas respondan ás verdadeiras necesidades da comunidade”.

Alega a concelleira tamén que a oposición é “un punto para informar á cidadanía de maneira clara e transparente sobre os asuntos públicos. E actuamos como un altofalante da xente, estando ao seu lado e escoitando as súas necesidades e problemas. Se calquera veciño ten un problema ou unha suxestión, pode contar con nós para defender os seus intereses. A nosa misión é traballar para que as políticas do Concello respondan realmente ás demandas dos veciños.

“Ser oposición non significa opoñerse a todo sen criterio, senón fiscalizar a xestión do goberno, propoñer alternativas, ser o altofalante da cidadanía e actuar sempre en defensa do interese xeral”, recalca.

BNG

Blanca Fernández Martínez é a única concelleira nacionalista actualmente en Pol. Leva máis e 20 anos traballando no BNG local, xa que comezou no 2003 e sempre foi parte da candidatura, agás no ano 2015, cando non se presentaron. Pero realmente a fascinación pola política vén de moito antes, xa que confesa que desde nena gustaba de ver debates e asistir a mitins.
Asegura que nunca tivo como obxectivo dedicarse á política “porque xa tiña unha vida profesional moi vocacional, na que me sentía valorada. Na miña traxectoria política sempre tiven como obxectivo tratar de axudar aos veciños de Pol, aínda que dende a oposición non é unha tarefa doada”, explica.

Para Blanca Fernández o fundamental e para o que hai que traballar en Pol é por mellorar a situación económica, “xa que hai unha débeda recoñecida de 3.400.000 euros, que é unha barbaridade tendo en conta que somos uns 1.500 habitantes. Hai moitos problemas para pagar os gastos correntes , entre eles as nóminas dos traballadores”, resume. Ademais propón que “dentro das necesidades que atopamos para mellorar a situación de Pol, está a construción dun centro de día, xa que no noso concello hai unha poboación moi envellecida. Tamén é urxente a aprobación do PXOM, paralizado dende o 2013 cando xa fora aprobado inicialmente; a construción de vivendas sociais, que axudaría a fixar poboación; levar a traída de auga pública ás parroquias que carecen dela, garantir a chegada da fibra óptica a todos os fogares de Pol e cubrir as zonas negras de telefonía aínda existentes”.

Considera que a súa función está en “tentar axudar na mellora xeral do noso concello, pensando moito máis no colectivo que no beneficio duns poucos” polo que insiste en “ter informada á veciñanza de Pol do que acontece, facémoslle saber ao Goberno Municipal as necesidades dos polenses e do mesmo xeito, achegamos iniciativas para a mellora da calidade da súa vida. Desgrazadamente o alcalde non nos fai ningún caso xa que está obcecado coa cidade deportiva, que non repercute en nada na mellora de vida dos polenses”.

Afirma que “é difícil facer oposición tendo en conta a forma de gobernar do alcalde a golpe de decretazos e tratando aos representantes doutros partidos cun desprezo absoluto. O que levo peor é ter que aguantar que se leve a discrepancia política ao terreo persoal e familiar”.

0.065010070800781