A oposición fala en Rábade
IR
Rábade foi un dos concellos que deu un cambio de dirección nas últimas eleccións pasando a ser dirixido por Remedios González Cabarcos, do PP, que derrotou a coalición formada por Independentes por Rábade (IR) e PSOE, que gobernou nas anteriores lexislaturas. Deste modo, o que foi alcalde durante 24 anos, Francisco Fernández Montes, é agora o voceiro do principal partido da oposición. Afirma que non lle costou en absoluto cambiar o papel. “Antes de ser alcalde estiven 4 anos na oposición, e constoume máis facer o cambio ao revés. Aínda así, adáptome ben ao papel que me toca xogar. O imporante é ter a opción de traballar polos teus veciños, tanto desde o Goberno como desde a oposición”.
Por isto, para el a política non supón un sacrificio, “as veces si sentes unha especie de impotencia no feito de que hai cousas que ves que están mal feitas pero non tes opción a cambialas e tes que aguantalas porque a democracia é así e así debe ser. Cousas como que te poñan os plenos polas mañás, dificultándote que non podas ir e non podas facer o teu labor. Iso é sacrificado pero forma parte do xogo democrático”.
Considera que a esencia da política está na local “de feito desconfío dos políticos, sexan do partido que sexan, que non estiveron antes na primeira liña da política local, porque sexas oposición ou Goberno, todo son beneficios porque loitas polo teu pobo e polos teus veciños”.
Fernández Montes afirma que de feito os seus obxectivos políticos quedaron cubertos no ano 99, cando accedeu ao Goberno de Rábade, “non teño máis obxectivos políticos que eses. Axudar a Rábade e nada máis”.
Chegou á política por azar, despois de formar parte da organización das festas de Rábade, un enfrontamento co equipo de Goberno daquela época levouno a situarse en primeira liña da oposición “e despois todo foi seguir nesa liña”.
Xa no papel actual como membro da oposición considera o ex alcalde que o papel que ten agora “ten dúas partes, nunha manter informados aos veciños do que fai o equipo de Goberno, mirado desde o punto de vista da oposición”, e por outra parte, propoñer alternativas e propostas á actividade que realiza o Concello”.
Mantén tamén unha serie de ideas que son as que considera mellor para a súa vila. As principais liñas do programa pasan porque “Rábade precisa dun Plan Xeral, precisa dun respecto democrático a todas as persoas, non se pode permitir un goberno que se dedica aos seus intereses persoais esquecéndose dos intereses públicos. Ademais, Rábade está perdendo unha oportunidade de promocionarse como vila no seu centenario; está perdendo un tempo precioso nun desenvolvemento dun polígono industrial que estes anos foi para arriba. O Goberno local está dando paus de cegos porque non sabe para onde vai. Tamén fai falta un parque infantil na avenida de Vilalba, un proxecto que xa había e que o Concello pasou del, e necesítanse tamén melloras en limpeza viaria.
PSOE
Unha situación similar foi a de Alejandro Martínez Campos, que foi tenente de alcalde tamén varios anos. Interesado desde sempre na política forma parte da Corporación desde 2011 aínda que xa se presentou no 2007.
Explica como foron os seus inicios na política, para “botar unha man a Juan Carlos e Miguel, que eran as cabezas visibles do proxecto e baixo a miña opinión, Miguel era, e segue sendo, o mellor alcalde que puido e pode ter Rábade, por iso decidín formar parte da lista e do partido”.
Como a súa sintonía coa política é de sempre non considera que o seu traballo teña sacrificios, “xa que o fago todo con gusto, e o beneficio está en lograr que Rábade sexa un lugar con máis calidade de vida”.
Para el, o cambio de estar á fronte do Concello a estar na oposición non o ve importante: “Non fai falta cambiar moito o chip xa que nós seguimos a traballar para mellorar Rábade aínda que sexa sen a responsabilidade que tiven nas anteriores lexislaturas”, explicou. Para el agora o seu papel pasa por “mellorar Rábade, intentar axudar no que se poida, sempre que sexa acorde á legalidade”. Para iso ve como o camiño principal “escoitar aos veciños e intentar traer investimentos públicos para Rábade”.
Para o partido que segue a dirixir, as principais liñas do programa están en “conseguir solo industrial nos terreos do vello cuartel que conseguimos recuperar para Rábade na anterior lexislatura e financiar unha área deportiva e cultural grazas á venda deses térreos; o novo contrato da limpeza; a creación dun parque na avenida de Vilalba; a iluminación do pobo, xa que esta moi deteriorada, e a regulación do tráfico, xa que hai rúas como Bautista Núñez, que sofren a circulación de tráfico pesado cando xa hai unha alternativa. Tamén apostamos pola mellora da calidade da auga, que pasaría entre outras cousas polo arranxo da avenida de Vilalba, con titularidade da Xunta de Galicia, que cobra o canon pero non inviste en Rábade”.