A oposición fala en Vilalba

TerraChaXa
O PP foi o partido máis votado pero os outros tres uníronse aínda que o BNG non entrou no goberno
sandra-e-tino-pp-e-bng-vilalba
6 Jul 2025

PP

O Partido Popular foi a forza máis votada no 2023 pero non logrou a maioría absoluta que necesitaba, polo que a unión do resto de forzas deixounos na oposición. Á fronte do mesmo está Sandra López, que substituíu á cabeza de lista, Sandra Vázquez, cando esta marchou para a Xunta.

“Formo parte da política local dende maio de 2023. Nunca antes participara, pero aceptei ir na candidatura do Partido Popular porque confío plenamente en Sandra Vázquez: é unha persoa seria e traballadora, e ademais temos unha boa relación persoal”, explica.
A súa entrada en política responde a unha vontade clara de mellorar o concello desde a oposición: “Tratamos de ser útiles facendo unha oposición responsable, tanto nas críticas como nas propostas”. Lembra que o seu grupo representa “a 3.810 persoas, o 45,84% dos votos, sendo a forza máis votada en Vilalba”, polo que defenden que “esa parte da poboación merece ser escoitada”.

Sobre o papel da oposición, teno claro: “Controlar a acción de goberno e transmitir as necesidades da veciñanza”. Un labor que, admite, esixe sacrificios persoais: “É duro compaxinalo coa profesión e restas moito tempo á familia e ao lecer”. Con todo, asegura que “o máis gratificante é conseguir melloras reais para as persoas”.

A nivel económico, explica que “na política non hai horarios” e que “as retribucións fixas dependen do que se aproba no primeiro pleno, pero non compensan o tempo adicado”.
Sobre a traxectoria do seu partido, reivindica: “O PP gobernou ata 2019 e deixamos unha importante pegada: o polígono industrial, a área recreativa da Magdalena, o auditorio, o conservatorio, as gardarías, a estrutura de servizos sociais, o centro ocupacional, a rede viaria no rural ou o FIV, entre outras moitas cousas”.

Os seus obxectivos actuais están orientados a “cumprir o mandato dos votantes e traballar para que o Partido Popular recupere a alcaldía”.

Respecto aos pactos de goberno, considera que “son lexítimos, pero outra cousa é que dean estabilidade”. Apunta directamente ao goberno actual de Vilalba: “PSOE e Vilalba Aberta están a protagonizar liortas internas que os veciños xa perciben. Como din os nosos maiores, ‘á casa de moitos donos nunca lle faltan goteiras’”.

Entre as prioridades do seu programa sinala “o impulso do polígono industrial e do comercio, a atención ao rural e a prestación de servizos públicos de calidade”. Tamén alerta de múltiples necesidades: “É urxente mellorar a mobilidade, crear aparcamentos, revisar o PXOM paralizado, mellorar o servizo de axuda no fogar e manter as infraestruturas”.

Finalmente, define as relacións co goberno como “complexas”. Acusa ao executivo local de bloquear a súa acción política: “A alcaldesa convirte as nosas mocións en rogos para impedir que prosperen. É curioso que Vilalba Aberta, que antes criticaba estas prácticas, agora as aceite en silencio”.

BNG

Desde maio de 2023, o BNG volveu contar cun representante no Concello de Vilalba, neste caso é Constantino Alvite, Tino, que, aínda que novo no cargo, leva anos vencellado á política local. “Como concelleiro estou dende maio do ano 2023, pero nas listas do BNG xa fun en anteriores convocatorias”, explica. O seu compromiso baséase na defensa da causa pública e na transparencia: “O noso labor na oposición consiste en controlar a actividade do equipo de goberno e tentar que as nosas propostas sexan atendidas, sempre en beneficio da comunidade”.

A acción do BNG abrangue todo o concello. “Levamos aos plenos iniciativas baseadas no noso programa e nas necesidades que nos traslada a veciñanza”, afirma, subliñando a independencia do partido. “Con un só concelleiro temos presentado máis mocións, rogos e preguntas ca outros grupos con oito representantes”, destaca.

A nivel persoal, recoñece os sacrificios: “Implica renunciar a tempo coa familia, ocio e descanso”, mais valora os logros, como “resolver problemas dun colectivo ou mellorar servizos públicos”, citando o caso dun escolar abandonado pola Xunta.

Nunca formaron parte do goberno municipal, e matiza que a súa traxectoria foi sempre “honrada e desinteresada”. Os obxectivos políticos están claros: “traballo serio e comprometido que redunde en beneficio das persoas”. Sobre pactos, o BNG aposta por “proxectos de futuro que revertan no beneficio da veciñanza” e manter “a máxima transparencia posíbel”. O seu programa céntrase en áreas clave como servizos públicos, medio ambiente, igualdade, cultura ou mocidade.

Entre as principais necesidades do concello sinala a peonalización da Praza da Igrexa, a rehabilitación do casco histórico, a situación do PAC ou a exclusión de Vilalba do fondo de transición xusta. As relacións co goberno son “cordiais, mais reclamando proxectos que respondan aos intereses comúns da cidadanía”, cun obxectivo claro: “un goberno progresista de esquerdas”.

⚙ Configurar cookies
0.16104388237