A oposición fala en Xermade

Cen votos marcaron a diferenza para Antonio Riveira Requeixo nas últimas eleccións, o que fixo que a Corporación quedase dividida tal e como estaba, coa maioría axustada para os socialistas e a oposición nas mans do PP en solitario, xa que non houbo ningún outro partido político na disputa.
Antonio Riveira Requeixo lidera agora ese Partido Popular, no que se introduciu no ano 2003, cando gobernaba Tomás Rodríguez Arias. Achegouse á política unha vez finalizados os seus estudos de enxeñería agrícola es incorporouse “a un proxecto ilusionante, co que comparto valores e a visión para o desenvolvemento da nosa comunidade. A política local creo que é a que máis impacto ten no día a día das persoas. Fun concelleiro no goberno tres lexislaturas e estou facendo este terceira como portavoz na oposición”, explica o concelleiro.
Para el, que estivo no Goberno e agora na oposición, esta última faceta consiste en “realizar un traballo de control e seguimento das necesidades dos veciños e das parroquias, que dispoñan de bos servizos. O noso labor é fiscalizar ao equipo de Goberno, asegurarnos de que a xestión municipal sexa transparente e eficiente, e propoñer alternativas que beneficien á poboación. Ao contrario do que se poida pensar, non estamos para criticar, senón para achegar solucións, evitando medidas discriminatorias para unha parte dos veciños en beneficio de outros”.
Defende a postura do seu partido do que di que o seu proxecto “céntrase na mellora da calidade de vida en Xermade, defendendo unha xestión máis transparente e eficiente. Impulsamos iniciativas con mocións, rogos e preguntas en ámbitos como a sustentabilidade, a mellora de infraestruturas e os servizos públicos. Ademais, traballamos para que as decisións municipais sexan máis participativas, dando voz aos veciños”.

Así mesmo, lembra con orgullo o seu tempo no Goberno, cando o Partido Popular, que gobernou entre 1979 e 1015, levou adiante “moitos avances a tódolos niveis, tanto en rede viaria, alumeados públicos, redes de abastecemento e saneamento, polígono industrial, apoio a agricultores e gandeiros, concentración parcelaria dun 20 por cento do territorio, creación da estrutura dos Servizos sociais do Concello, fomento da cultura e etnografía…
Cando analiza o seu papel na política local valora por unha parte os sacrificios que se realizan “que supón dedicar horas de traballo, asistencia a plenos, reunións, análise de actuacións, estudo de propostas, todo iso sen os mesmos recursos que ten o equipo de Goberno, pois en Xermade a oposición non ten asignación económica para os seus gastos. Moitas veces resulta difícil compaxinar coa actividade profesional. Tamén implica enfrontarse a momentos de frustración cando as propostas non son escoitadas. Pero hai que facelo, porque se estamos aquí e porque temos vocación de servizo e queremos que Xermade progrese en servizos e calidade de vida”. Pero tamén ten un beneficio “a satisfacción de defender os intereses dos veciños e tratar de mellorar o noso concello. Tamén che permite coñecer en profundidade o funcionamento do Concello e traballar en equipo con persoas comprometidas”.
Presenta o seu principal obxectivo político como “traballar para que o noso concello sexa un lugar con máis oportunidades, mellores servizos e unha xestión municipal máis próxima e transparente. Tamén quero fomentar a participación cidadá na toma de decisións”. Ademais, define como liñas principais do seu programa cun “maior acceso á información municipal e fomento de participación popular, apoio a emprendedores e negocios locais, mellora de infraestruturas e servizos, xestión eficiente dos recursos naturais e apoio á mocidade e maiores con políticas de vivenda alcanzable e reforzo dos servizos sociais”.
Estas liñas están orientadas a inverter o descenso poboacional, polo que a súa aposta está “na tripla fórmula de traballo, vivenda e servizos”.