A oposición fala nas Pontes

TerraChaXa
O BNG é a forza da oposición máis votada logo dunhas eleccións nas que ámbolos dous creceron
oposicion-as-pontes
20 Apr 2025

BNG

Carmela Franco encabeza a oposición no concello das Pontes, xa que foi a forza máis votada despois da maioría absoluta do partido socialista.

Carmela debutou con éxito na política local xa que foi precisamente en 2022 cando comezou e xa se presentou como voceira e candidata á Alcaldía en 2023. Aínda así, dera xa os seus primeiros pasos con 16 anos, cando comezou a ir a asembleas, afilouse a Galiza Nova e con 19 xa estaba nas súas primeiras listas. “Vinculeime ao BNG porque buscaba un lugar onde facer militancia inicialmente cultural e lingüística, tamén en clave feminista e finalmente local, poder facer cousas pola contorna máis próxima”, explica.

Para ela, o papel da oposición está claramente definido: “é fiscalizar o traballo realizado polo goberno, mais nós tamén procuramos facer unha oposición en clave construtiva, dentro da nosa área de actuación e propositiva naquelas cousas nas que podemos ter máis coñecemento ou interese”. Dentro disto considera esencial “tecer pontes entre o concello e a veciñanza, servir de voceiro para todas as veciñas ben sexa a través de queixas ou suxestións ben sexa procurando estar ao día das problemáticas que poden xurdir na vila”.

Para ela tamén a política ten unha cara e unha cruz. Considera un beneficio o contacto coa veciñanza. “Ao final iso de que nos pobos nos coñecemos todas é certo e o feito de formar parte dun grupo político municipal axúdache a coñecer a realidade das veciñas e da vila no seu conxunto”. Pero sabe que a contrapartida é a falta de tempo. “Ao final, formar parte dun grupo político ten unha implicación e un tempo bastante amplos. Mais agora que a miña disposición así como do resto do grupo e do consello local en xeral é moi reducida mais sempre intentamos achegar na medida do posible”.

O partido que representa estivo dúas vez no Goberno (1995-97 e 1999-2007), pero como naceu no 99 “case non o vivín”, pero cónstalle “que se procuraron actuacións para a mellora da vila coma a construción de chan industrial creando o polígono dos Airios ou a construción do centro de día, por exemplificar algo máis en clave social”.

Para Carmela, os obxectivos a nivel político, derivan todos do principal: “mellorar a vida das veciñas das pontes. Poder procurar volver sermos unha vila en chave de futuro. Con proxección industrial e social, que hoxe non temos. Que a mocidade poda vivir aquí por termos traballo e posibilidades”.

Para lograr iso ten unha serie de liñas no programa a cumprir como son, entre outros dotar o rural de servizos de proximidade, realizar un servizo de transporte baixo demanda, reactivar as aulas dixitais, consensuar ca veciñanza un PXOM, crearmos un banco de vivenda para fixar poboación e, en xeral e no marco xa dos orzamentos participativos que propoñemos, dotar dunha dotación específica para o rural e especializada por parroquias.
Propoñen a idea de ser a Vila da Auga dinamizando o Eume cunha senda e a posta en valor dos encoros. A nivel cultural, por exemplo, queren un proxecto “definitivo e completo” para a Biblioteca, a recuperación de certames culturais e de lecer e a reactivación da área de normalización lingüística; mentres que a nivel patrimonio, promoven un proxecto dun Museo da Enerxía ou a distinción BIC para a cheminea.

“En clave de muller é importantísimo dotar un orzamento municipal específico para fomentar a igualdade, promover campañas de sensibilización e un programa de acompañamento a persoas en situación de exclusión social”, sen esquecer a creación dun fogar para persoas maiores, a dinamización do centro sociocomunitario e unha mellora na partida para o SAF. Engaden tamén na lista un plan de Xestión Municipal, particularmente no eido deportivo como a creación dunha vila deportiva no eido da contorna da Pardo Bazán e aproveitando as instalacións de Endesa.

PP

Con dous concelleiros, o PP ten como voceira a Mari Carmen Dopico. Tamén debutante xa que se iniciou como concelleira en maio de 2023 ao ser elixida nos comicios municipais. Iniciouse na política a través da Asociación Democrática de Estudiantes da USC, xa que foi vicedecana da Facultade de Farmacia, pasando por diversos cargos e de aí pasou a NNXX do PP de Galicia como vicesecretaria de Universidades.

Dopico ve o seu papel de oposición “difícil ante un grupo en maioría absoluta”, por iso que cre que a súa función é “facer unha política útil e responsable coas necesidades das Pontes, como di o noso lema de campaña, as políticas centradas nas persoas e nas súas necesidades son o noso centro”.

O seu papel na política local o ve como apoiado por ser a primeira forza a nivel galego por iso “consideramos que dende a Xunta de Galicia se están a poñer esforzos en recuperar ese carácter industrial da nosa vila, por exemplo impulsando a figura do Plan Industrial Estratéxico, co fin de conseguir oportunidades de traballo para os nosos veciños despois dunha Transición que se está revelando como todo menos xusta”.
Nesta a súa andaina política explica que se “sentirse útil” é o maior beneficio, “porque como me lembraba un compañeiro fai uns meses, xa de sempre axudaba á xente porque forma parte do meu carácter”.

Tamén ve complicada a conciliación da vida laboral e a persoal sumándolle esa parte política, “e máis no caso dunha familia monoparental. Pero neste caso conto co inestimable apoio, o mesmo que a nivel laboral, dos meus pais e do meu fillo adolescente que soportan con estoicismo esta faceta”. Ten en mente varios obxectivos a nivel político pero lembrando o paso do seu partido polo goberno municipal, nos 90. “Quizais o maior logro deses anos foron as vivendas sociais proxectadas e a renovación de parte da vila”.

Plantexa varias necesidades que ve como proxectos de futuro, como “impulsar a diversificación económica e a creación de novas oportunidades laborais, mediante a colaboración con outras administracións e a captación de novos proxectos industriais e, por outra banda, facer das Pontes un pobo atractivo para vivir fomentando uns servizos de calidade en todas as etapas da vida, xa conseguida unha unidade HADO para o Concello agora toca traballar por un xeriátrico moderno que entre outros servizos conte cunha unidade de coidados intermedios”.

A todo isto engade, “a necesidade dunha RPT do Concello e tamén é importante que exista unha planificación axeitada tanto das obras como dos servizos municipais”. Lembra que tampouco está aprobado o PXOM, “que nos serviría como base para a xestión Urbanística”.
Engade tamén o plan de “favorecer unha vida saudable a través da colaboración co Sergas no Plan de Saúde das Pontes, na mellora das infraestruturas do pobo dinamizando o centro cunha nova biblioteca e unha casa da xuventude, así como, dotando de servizos a zonas comúns nos diferentes barrios e parroquias, na creación dun Xeriátrico con área de coidados intermedios, na planificación urbana tanto no que se refire á mellora dos rueiros e servizos asociados a cada rúa ou na mellora da xestión dos RRHH do persoal ao servizo da administración municipal… por tanto, volver poñer ás Pontes no centro da Industria galega e aos ponteses como centro das políticas municipais”.

⚙ Configurar cookies
0.1677520275116