"A orixe da Fundación reside ao calor das actividades de homenaxe a Manuel María"

TerraChaXa
Alberte Ansede é no novo presidente da Fundación Manuel María de Estudos Galegos tralo falecemento de Saleta Goy, viúva do Manuel María.
alberte ansede  casa museo manuel maria
18 Dec 2022

Alberte Ansede é no novo presidente da Fundación Manuel María de Estudos Galegos

O falecemento de Saleta Goy, viúva do Manuel María, trouxo cambios na dirección da Fundación que leva o nome do poeta chairego. Así, Alberte Ansede, antes secretario da asociación, accede ao cargo que deixou vacante Saleta. Profesor de Filosofía, leva moitos anos vinculado ao traballo que tenta poñer en valor a obra e vida do escritor.

Como foi o paso dende a Secretaría á Presidencia da Fundación?

Realmente o meu traballo como secretario estaba moi unido ao de Saleta como presidenta. Como é lóxico, nunca dabamos un paso sen consultar coa outra parte, todo o traballo se facía man con man. Tiñamos unha unidade de criterio moi grande criado e consolidado con moitos anos de relación moi próxima e, moi particularmente, arredor do proxecto da Casa-Museo Manuel María. Por tanto, asumir agora o mandato do Padroado de ocupar a vacante de Saleta é un proceso bastante natural. Por outra parte, o feito de que o Padroado valorase unanimemente que isto debía ser así reforza o meu ánimo para asumir o novo reto.

Chega con outros obxectivos?

Xa digo que viñamos traballando moi de acordo non só Saleta e eu senón tamén con todo o equipo que conforma a “familia” da Casa-Museo. Por tanto, o cambio na presidencia coido que non vai supor excesivas modificacións mais aló de que sempre notaremos a falta de Saleta, persoa intelixente, sabia, coñecedora da obra de Manuel María e tamén do País no que vivimos. Eu vouna relevar na presidencia mais eu non podo pretender substituíla. Cada quen ten as súas características e eu unicamente pretendo poñer as miñas ao servizo do equipo que xa vén traballando con afán. Nese traballo, sen dúbida, irán xurdindo novas iniciativas, sempre dentro da fidelidade ao legado do grande escritor chairego e dos valores que el e Saleta defendían.

Que proxectos quere poñer en marcha?

Gostaría de darlle un encaixe apropiado ao legado de Saleta que ten máis importancia do que moitas persoas podan supoñer. Isto precisa dun traballo previo de ordenación e inventariado para o que xa está en marcha un bo equipo do noso voluntariado coordenado por Xosé Manuel Pérez. De todos os xeitos, son consciente de que buscarlle o acomodo apropiado é un reto difícil pois temos xa un problema grave de espazo na Casa-Museo.

Estivo desde o principio da creación da Fundación?

Efectivamente, a orixe da Fundación reside no diálogo con Saleta ao calor das numerosas actividades de homenaxe a Manuel María que se puxeran en marcha moi pouco despois do falecemento deste e nas que eu participara como coordinador. A boa resposta recibida aconsellou, aínda máis, que o legado de Manuel María se reunise nun lugar visitábel, a poder ser, na súa casa natal de Outeiro de Rei. O proceso foi difícil, pois coincidiu coa crise do 2008. Aínda así, en setembro de 2013 xa estabamos inaugurando a actual Casa-Museo. Un pequeno milagre que lle debemos fundamentalmente á relevancia da figura do grande escritor chairego.

"Gostaría de darlle un encaixe apropiado ao legado de Saleta que ten máis importancia do que moitas persoas podan supoñer"

"Como é lóxico, nós debémonos a quen orixina o legado, Manuel María, e o primeiro obxectivo ten que ser conservalo debidamente"

Que relación lle unía a Manuel María?

Eu lin a súa obra desde moi novo mais non comecei a tratalo persoalmente até os 20 anos nunha visita que lle fixen a Monforte. Desde ese momento sempre mantivemos unha cordialidade mutua que se foi convertendo en aprecio e amizade segundo pasaron os anos. Cando el e Saleta se veñen residir á cidade da Coruña esa relación de confianza pasou a ser moi íntima, relación que se mantivo con Saleta nos 18 anos que van desde o falecemento de Manuel María no ano 2004.

Cales son os obxectivos da Fundación?

Como é lóxico, nós debémonos a quen orixina o legado, Manuel María, e o primeiro obxectivo ten que ser conservalo debidamente e o segundo dalo a coñecer entre a sociedade galega. Con ese fin promovemos as visitas á Casa-Museo, editamos as súas obras, impulsamos que a súa obra literaria chegue ao público mediante expresións artísticas diferentes como a música, o teatro, o audiovisual, o recitado poético público... Ademais, está a promoción da cultura galega en xeral e da literatura en particular.

O traballo de recompilación da obra e legado do escritor está rematado?

Tivemos a grande sorte de que a Fundación se constituíse pouco despois da morte do escritor e así evitar que o seu legado se dispersase como ten sucedido en outros moitos casos. A outra grande sorte foi a de contar coa colaboración máxima e xenerosa de Camilo Gómez Torres, biógrafo do escritor. Desta maneira, a biblioteca, a documentación e os obxectos recibidos de Manuel María están debidamente ordenados, inventariados e, na maioría, xa descritos. Houbo un traballo de voluntariado moi importante que nós agradecemos infinitamente. Mais tamén é certo que a obra literaria de Manuel María é moi ampla e a súa vida social moi intensa, polo que sempre se poden reunir máis documentos, algúns de moito interese, que posúen particulares e que enriquecerían o coñecemento de aspectos concretos da obra do escritor. É un traballo difícil mais irémolo abordando.

Con que respaldo conta a Fundación?

O maior respaldo é o do voluntariado pois habería que preguntarse canto custaría pagar o traballo que leva feito. Mais ben sei que non te refires a iso. Por tanto, no que toca ao apoio económico, a achega máis firme e continuada provén da Área de Cultura da Deputación de Lugo que se mantén desde a apertura da Casa-Museo e mesmo antes, para levar a cabo a súa remodelación. Ademais, recibimos unha axuda moi pequena da Xunta de Galicia. Por suposto que tamén acudimos ás convocatorias en réxime competitivo, particularmente da Deputación da Coruña. Finalmente, non é cousa menor o achegado polas “Amizades da Casa-Museo”, particulares que realizan as súas doazóns regulares para o sostemento do proxecto.

Fáganos un breve percorrido polo feito pola fundación desde a súa orixe.

Somos relativamente novos máis xa resulta difícil facer unha síntese do feito. A Fundación foi constituída o 20 de marzo de 2007 e declarada de interese galego en xuño dese mesmo ano. As dúas primeiras tarefas importantes foron a unificación do legado do escritor e a adquisición da súa casa natal para convertela en Casa-Museo. Tiñamos claro que, de non lograr isto, non continuariamos co proxecto. Despois seguimos coa súa remodelación e acondicionamento para inaugurala en setembro do ano 2013, un fito importante.

Desde a inauguración, o volume da nosa actividade interna e externa foi continuamente en aumento. Internamente eu destacaría o traballo de organización do arquivo e a biblioteca. Xa máis cara fóra eu destacaría, cando menos, tres cuestións. Por unha parte o lograrmos que a Casa-Museo manteña un bo ritmo de visitas, tanto do público adulto como dos escolares. Por outra, a publicación progresiva da obra do escritor que posibilite volver a atopala nas librarías, aínda que é certo que, dada a súa extensión, queda moito por facer. E xa por último, o manter un conxunto importante de actividades que contribúen a que a obra de Manuel María se difunda a través de outras expresións artísticas. Así, por exemplo, o noso Certame Manuel María de Proxectos Teatrais -que premia a representación dunha obra súa- xa acadou unha relevancia enorme grazas ao apoio de 33 concellos, 3 Deputacións, o CDG e tres Mostras de Teatro. Iso supón que a obra gañadora xa parta con un mínimo de 40 representacións. O mesmo podemos dicir das composicións musicais para piano e barítono, tenor, soprano e mesosoprano que anualmente promovemos sobre os poemas do escritor. Ou o recitado público dos seus poemas, ou as composicións audiovisuais realizadas sobre os seus poemas, etc.

Ademais diso, nas actividades que organizamos todos os sábados, móstranse as creacións artísticas máis diversas, desde a música ao teatro, pasando polo cinema, a maxia, a narración oral... tanto para adultos como para a rapazada.
De todos os xeitos, o máis importante é que, con todo isto, temos contribuído a que a obra de Manuel María e os valores que el e Saleta defenderon sigan vivos na sociedade galega.

alberte ansede  casa museo manuel maria 2
actividades casa museo manuel maria3
actividades casa museo manuel maria4
actividades casa museo manuel maria5
actividades casa museo manuel maria8
actividades casa museo manuel maria7
actividades casa museo manuel maria6
0.24968695640564