A Órrea acolle este sábado un novo acto reivindicativo da figura de Avelino Díaz

TerraChaXa | AMariñaXa
O programa dará comezo coa descuberta dunha placa identificativa de O Sindicato, o cabanón que durante décadas funcionou como economato
acto-orrea-avelino
2 Jan 2026

A localidade da Órrea acollerá este sábado 3 de xaneiro un acto conmemorativo baixo o título A Órrea no tempo de Avelino Díaz, coincidindo co 128 aniversario do nacemento desta figura vencellada á historia social e agraria da comarca. A xornada terá lugar nos Currais da Órrea a partir das 16.30 horas e combinará memoria histórica, divulgación e participación veciñal.

O programa dará comezo coa descuberta dunha placa identificativa de O Sindicato, o cabanón que durante décadas funcionou como economato e que ten a súa orixe na época de Avelino Díaz, simbolizando o movemento asociativo e agrario do momento. Este xesto pretende poñer en valor un espazo clave da historia local e do pasado colectivo da parroquia.

A continuación, ás 17.15 horas, celebrarase unha charla a cargo do profesor de Historia e investigador Henrique Hervés Sayar, quen abordará o movemento agrario na Órrea e na comarca durante a época de Avelino Díaz, contextualizando social e politicamente aquel período. O acto contará tamén con intervencións de Javier Costa, Javier do Zarelo, Graciela Ares, Graciela de Campos, Laura Fernández, Laura de Albertín, Noelia García, Noelia de Cartas, e Gervasio Veiga, Gervasio da Aldea, achegando diferentes visións e testemuños arredor desta temática.

A presentación do evento correrá a cargo de Sandra Gómez, Sandra de Patorna. A iniciativa conta coa colaboración dos concellos de Riotorto e Meira, así como da Asociación Cultural Avelino Díaz e da Asociación de Veciños Eixidos de Santa Baia da Órrea, consolidándose como unha cita destacada para recuperar e difundir a memoria histórica e o legado cultural da zona.

⚙ Configurar cookies
0.075820922851562