A Órrea acolleu o último acto de celebración do 128 aniversario do nacemento do poeta Avelino Díaz

TerraChaXa | AMariñaXa
O acto tivo como obxectivo principal afondar na memoria do movemento agrarista existente na Terra de Miranda a comezos do século XX
128-aniversario-avelino
5 Jan 2026

A Asociación Cultural Poeta Avelino Díaz celebrou este sábado na Órrea un emotivo acto co que puxo o broche final ao programa de actividades organizadas con motivo do 128 aniversario do nacemento do poeta. A iniciativa reuniu a veciñanza e a persoas interesadas na memoria histórica e cultural da comarca nun encontro centrado na recuperación do pasado e na reivindicación das figuras literarias ligadas á Terra de Miranda.

O acto tivo como obxectivo principal afondar na memoria do movemento agrarista existente na Terra de Miranda a comezos do século XX, un fenómeno social e político de gran relevancia na época. Esta parte da xornada contou coa participación do profesor Hervés, que ofreceu unha conferencia no local social da Asociación de Veciños da Órrea, achegando contexto histórico e claves para comprender a importancia da organización labrega naquel tempo.

A xornada serviu tamén para poñer en diálogo e reconciliar dúas figuras literarias unidas por lazos familiares e históricos: Manuel María García Castro, poeta vinculado á revista El Agricultor, editada en Riotorto nos inicios do século pasado e voceira do movemento agrarista, e o seu fillo natural Avelino Díaz, coñecido como o poeta de Meira durante a súa etapa na Arxentina.

Desde a Asociación Cultural Poeta Avelino Díaz agradeceron a presenza de todas as persoas asistentes e destacaron o valor destes encontros para manter viva a memoria colectiva e o legado cultural da comarca, ao tempo que desexaron un feliz ano novo á veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.078183889389038