A paixón polo baloncesto non ten idade límite en Vilalba
O CB Terra Chá vén de amosar que non hai límite de idade para competir en baloncesto. Este ano puxo en marcha, seguindo a liña do anterior co feminino, un equipo de veteranos masculino para participar na nova categoría que creou a Federación Galega de Básket. A idea xurdiu da propia institución, que probou na pasada tempada poñendo en marcha unha liga feminina de veteranas. Debido ao éxito que tivo, este ano tocoulle á masculina.
Os requisitos non eran moitos, chegaba con conseguir 4 clubs interesados en participar. O CB Terra Chá, con sede en Vilalba, non o pensou dúas veces e apuntouse. Ao final superáronse as expectativas porque reuniron 11 clubs, seis no grupo de Galicia Norte e outros 5 no Sur.
O CB Terra Chá reuniu máis de 20 xogadores en conxunto coa categoría Sénior, xa que podían compatibilizarse as dúas. Así, fixeron o corte nos nados no ano 90. Os maiores pasaron a formar parte do novo equipo, uns 18, e os máis novos quedaron no sénior de Terceira División, que son unhas 15 licencias.
Tanto adestramentos como convocatorias para os partidos van de xeito paralelo para os dous equipos e a creación deste novo permite dar máis opcións de xogo para todos os que tiñan. “Isto é así porque o Sénior leva moitos anos de historia e conta cun gran número de xogadores. Ao ter só un equipo estaban aumentando as licencias impedindo dar xogo a todos”, explica o seu presidente, Manuel Crende.
“Esta foi a maneira que tivemos de non deixar xogadores fóra e de enganchar a algún que deixara de xogar por problemas á hora de compatibilizar o traballo cos adestramentos e os partidos todas as fins de semana”, engadiu.
Esta experiencia trouxo tamén moi bos resultados xa que o equipo está na zona alta da táboa sumando polo momento vitoria tras vitoria e con amplas marxes no electrónico. A falta de dous partidos para o final da primeira fase, ten todo do seu lado para clasificarse para loitar polo título, xa que ten vantaxe sobre os rivais.
A peculiaridade deste equipo é que a preparación física dos xogadores é diversa. Van desde os 34 anos, que son os máis novos, ata algún que ronda os 60 anos. De todos os xeitos, os xogadores do CB Terra Chá “somos os júnior dos veteranos”, explicou.
Os dous equipos teñen as súas citas de adestramento os mércores en Vilalba e os luns e os venres en Lugo. Isto faise así porque moitos dos xogadores son da cidade ou de localidades do lado e tamén porque hai escaseza de instalacións en Vilalba. “Os veteranos non teñen tanta facilidade para vir os tres días, pero damos a opción e que veñan os que podan”, engade.
O que deixa claro este novo equipo é que a afección vai por dentro e non entende nin de idade nin de profesión. De feito, son múltiples e variadas as formacións dos xogadores maiores, entre os que se atopan un enfermeiro, tres profesores, un práctico de porto, un oficinista, un empregado de industria, un sindicalista, empregados de banca, un médico e algún mecánico.
O obxectivo agora é consolidar o equipo e seguen buscando xente que estivo nas escolas e no equipo para que volva. “Todos os anos hai cambios e sempre se renovan xogadores e por iso temos as portas sempre abertas”, recalca Crende.
A BASE
Con este xa son polo tanto tres equipos os que xestiona o CB Terra Chá, que desde fai anos conta cun feminino sénior. Ademais, xestionan as escolas deportivas vilalbesas, nas que teñen 40 nenos anotados, aínda que non formaron equipo para competición. Hai tres anos presentaron un preminibasquet, pero ao medrar e cambiar de categoría algúns dos xogadores, por idade, o equipo desfíxose. “É moi complicado en vilas pequenas poder ter un equipo de competición en deportes que non sexan fútbol”, explica.
Desde modo e para dar opcións a aqueles que queren competir, o CB Terra Chá ten unha colaboración co club Cidade de Lugo, co que comparten xogadores de competición e adestradores aínda que os adestramentos se realicen co vilalbés. Isto é así porque eles teñen equipos de base e non de sénior. Por outra banda, desde o club tamén teñen claro que hai que deixar aos rapaces que escollan si queren xogar simplemente ou queren competir. “Nós sempre damos esa opción porque o neno ten que divertirse sempre”, engade.
Dentro da base tamén teñen un grupo de cadetes cos que non formaron equipo por ir xustos de xogadores pero están traballando con eles, adestrando co sénior feminino e dándolles saída con outros clubs.