A parroquia de Órrea estrea o seu documental sobre a historia dos seus segadores
31 persoas, superviventes desa experiencia, contan de primeira man como era a vida na parroquia neses anos e como se desenvolvía a sega en Castela.
A Asociación de Veciñas e Veciños de Órrea, en Riotorto, proxectou no Pazo de San Marcos a peza documental Segadores de Órrea en Terras de Castela: unha historia de heroes, que recolle os testemuños de 31 segadores da parroquia sobre a súa experiencia nas segas en Castela durante as décadas dos cincuenta, sesenta e setenta do século pasado.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro asistiu á proxección na que estiveron algúns dos protagonistas, arroupados por preto de 200 persoas que rebordaron a capacidade do auditorio.
Cada ano entre 30.000 e 60.000 labregos galegos abandonaban as súas facendas para participar nas segas de Castela. Este fenómeno de emigración de tempada durou 300 anos, dende o século XVII ata os anos 60 do século XX. A parroquia de Santa Comba da Órrea participou deste proceso dun xeito moi activo, pois poucas casas quedaron sen mandar algúns dos seus homes -todos homes- a Castela durante o verán.
31 persoas, superviventes desa experiencia, a última testemuña viva e todas nacidas na Órrea, contan de primeira man como era a vida na parroquia neses anos e como se desenvolvía a sega en Castela. O documental recibiu críticas moi positivas durante a súa pre-estrea para os segadores, as súas familias e a veciñanza da Órrea, unha pre-estrea que tivo lugar hai apenas uns días.
A parroquia de Santa Comba da Órrea, no concello de Riotorto e na comarca non recoñecida oficialmente da Terra de Miranda, sufriu como ningunha outra unha emigración traumática da que é mostra evidente o tema desenvolvido polo propio documental. Nos seus 13 km2 viven de xeito permanente na actualidade non máis de 50 persoas.
Desde unha perspectiva estritamente realista, trátase dun documento singular, de 50 minutos de duración, de gran valor antropolóxico, social, cultural e incluso histórico, que xa lle foi solicitado á Asociación de Veciños e Veciñas desde diferentes puntos de Galicia. O documental foi dirixido pola xornalista Vanesa Gómez e a deseñadora e fotógrafa Laura Alonso, e foi financiado pola Área de Cultura, Patrimonio Histórico-Artístico e Normalización Lingüística da Deputación Provincial de Lugo.
O documental pecha o ciclo de investigación e de divulgación do fenómeno das segas de Castela na parroquia da Órrea, que consistiu nunha mesa redonda preparatoria (ano 2015), na edición dun libro sobre o o asunto (ano 2018), nunha viaxe a Castela desandando o camiño dos segadores (2028)… e no documental que agora se estrea.