A parroquia vilalbesa de Árbol celebra o San Xosé o sábado 17

TerraChaXa
A parroquia vilalbesa de Árbol inicia o seu trienio de festexos este sábado 17 de marzo coa celebración do San Xosé.
portada arbol
15 Mar 2018

A parroquia vilalbesa de Árbol inicia o seu trienio de festexos este sábado 17 de marzo coa celebración do San Xosé. Á tradicional honra relixiosa, súmanselle as actuacións musicais, inchables para os máis cativos e a realización de varios sorteos durante a verbena.

Os actos comezarán ás 13:30h coa misa na honra a San Xosé na igrexa parroquial impartida polo párroco don José Gallego Vila. A continuación a procesión estará amenizada por Cerna de Árbol. Esta agrupación local de música tradicional será a encargada de inaugurar as actuacións musicais. Composta por preto de  20 músicos naceu hai uns catro anos no seo da Asociación Cultural e Deportiva de Árbol, xunto co esforzo de moitos veciños e veciñas. A sesión vermú tamén estará amenizada polo Grupo Pekados.

O grupo Pekados tamén quedará para a verbena, no que estarán acompañado por Punto Clave. Este grupo estrea nova imaxe, despois ser coñecidos nos últimos tempos como Punto y Aparte. Durante a noite realizaranse sorteos de varios agasallos entre os posuidores das rifas que vende a comisión. O campo estará cuberto con carpa que como novidade estará situada sobre asfalto a carón da igrexa parroquial.

No 2014 recuperouse esta celebración tradicional cada mes de marzo, despois de non festexar en varios anos durante o comezo do século XXI. A organización composta por tres membros decidiu apostar por seguir co iniciado polas últimas comisións. Para facerlle fronte aos gastos do evento unicamente se venderan rifas para optar a varios sorteos.

A do 17 de marzo será a previa dun 2018 cargado de troula en Árbol. No mes de xuño a parroquia xuntarase para unha nova edición da comida do San Xoán que contou o ano pasado con preto de 300 persoas. En pleno verán, chegará a festa do patrón. A segunda fin de semana de agosto Árbol vivirá os seus días grandes coa festa na honra a San Lorenzo. 

arbol
0.13891792297363