A Pastoriza abre as inscricións para os campamentos de verán 2025

O Concello da Pastoriza abriu as inscricións para os campamentos de verán 2025, unha proposta dirixida a nenos e nenas empadroados no municipio. Os campamentos desenvolveranse en diferentes modalidades e tramos de idade, ofrecendo unha ampla variedade de actividades para o desfrute e aprendizaxe dos máis pequenos durante as vacacións estivais.
O campamento principal está destinado a nenos e nenas de 4 a 16 anos e terá lugar entre o 30 de xuño e o 18 de xullo, en horario de 09:00 a 14:00 horas. A inscrición pode realizarse de maneira presencial no Concello ata o 23 de xuño. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de chegada e rexistro.
Tamén se organiza unha Mini Campa de Verán para os máis pequenos, de 4 a 6 anos, que terá lugar do 30 de xuño ao 11 de xullo nas instalacións municipais, cun horario de 09:00 a 14:00 horas. Neste caso, o número de participantes estará limitado a un mínimo de 8 e un máximo de 16 nenos e nenas. As inscricións tamén se realizarán no Concello ata o 24 de xuño.
O campamento para nenos de 7 a 16 anos inclúe actividades como kayak, tiro con arco e xogos populares, así como saídas a Cerceda e á praia de Foz, mantendo a mesma franxa horaria de 09:00 a 14:00 horas.
Todos os campamentos son de balde, e requírese estar empadroado no Concello da Pastoriza para poder participar. Desde o Concello anímase ás familias a aproveitar esta oportunidade para que a mocidade desfrute dun verán activo, seguro e cheo de experiencias enriquecedoras.