A Pastoriza acolle o sábado unha nova edición do Volante Deputación

TerraChaXa
O deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto ao alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, a tenente de Alcalde, Elba Carrera, e o director da Escola PTC, Antonio Solórzano, presentaron no circuíto deste municipio a sétima edición do Volante Deputación, que terá lugar os días 15 e 16 de setembro.
FOTO PASTORIZA
14 sep 2018

O deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto ao alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, a tenente de Alcalde, Elba Carrera, e o director da Escola PTC, Antonio Solórzano, presentaron no circuíto deste municipio a sétima edición do Volante Deputación, que terá lugar os días 15 e 16 de setembro. Trátase dunha actividade promovida polo Executivo Provincial, cunha achega de preto de 17.000 euros, que pretende achegar e formar aos lucenses no mundo do motor.

Esta iniciativa, que a Deputación puxo en marcha no ano 2012 conxuntamente co Concello da Pastoriza e Escola PTC (Escola de Perfeccionamento e Técnicas de Condución), brindou xa a oportunidade a 6 lucenses de correr o seu primeiro rallie e ao longo de 6 edicións reuniu a máis de 1.000 afeccionados do mundo do motor que recibiron formación en condución segura.

Rivera Capón destacou que “esta actividade, máis aló de ofertar un premio atractivo para calquera amante do motor, como é a posibilidade de debutar nun rally de forma gratuíta, permite a todos os participantes formarse para ser uns condutores máis hábiles e seguros”. Tamén quixo recordar “o compromiso da Deputación cun deporte con tanto arraigo e importancia na nosa provincia, o que leva a que sexamos a primeira administración que pon á disposición dos nosos pilotos axudas e formación”.

A inscrición no VII Volante Deputación abrirase este xoves 26 de xullo e como nos últimos anos será de balde e limitada a 185 persoas. Os requisitos para participar son: ter entre 18 e 35 anos, estar empadroado en calquera concello da provincia e non ter ningún resultado nunha proba de rally durante os últimos 5 anos.

As inscricións pódense facer a través da páxina web www.ptcescuela.com, no Facebook www.facebook.com/ptc.escuela, ou envialo á dirección de correo electrónico piloto@ptcescuela.com.

O VII Volante Deputación

A selección, que terá lugar os días 15 e 16 se setembro no circuíto da Pastoriza, contará coma en anos anteriores, con dúas fases diferentes. A primeira será de formación, nela todos os participantes recibirán un curso de técnicas de condución seguras e de competición. Tras esta fase, levarase a cabo unha primeira selección de 14 pilotos semifinalistas a través dunha proba cronometrada. Os semifinalistas continuarán coa formación e disputarán unha cronometrada final da que sairán os tres pilotos máis veloces. O primeiro deles poderá participar no 40 Rally San Froilán, que se celebrará entre os días 27 e 28 de outubro, pilotando un Suzuki Swift Copa. Antes da proba recibirá, xunto cos outros dous finalistas, unha formación específica de competición para poder afrontar a proba con todas as garantías. Rematado o proceso integrarase ó piloto titular no equipo PTC para participar no Rally.

0.19264602661133