A Pastoriza comeza o mes de setembro con festas e a música das orquestras París de Noia e Combo Dominicano
O mes de setembro comezará na Pastoriza coas festas na honra ao Divino Salvador. O venres 1 a partir das nove e media do serán a Charanga de Meira anunciará o comezo dos festexos para deixar paso a unha verbena co grupo Maracuyá e unha discoteca móbil.
O sábado 2 o orfeón Xoán Montes ofrecerá un concerto no salón de actos da Casa do Concello despois da misa solemne prevista para a unha do mediodía e antes da sesión vermú co grupo Fusión. Pola noite a verbena comezará arredor das dez e media co mesmo grupo para dar paso á actuación dunha das orquestras con maior número de seguidores en Galicia, París de Noia.
O último día das festas comezará ás dúas da tarde coa misa cantada pola Coral da Pastoriza á que lle seguirá a sesión vermú co grupo Fénix que se volverá a subir ao escenario ás dez e media da noite para iniciar unha verbena que contará tamén cos ritmos latinos do Combo Dominicano.
Despois de ter organizado un xantar en abril para recadar fondos para as festas a través do sorteo de agasallos doados por establecementos colaboradores e de traballar na elaboración e venda dunha guía telefónica de todo o municipio; Marcos Lombardero, José Alonso Castelo e María López agradecen a colaboración veciñal que supón “a principal aportación económica” coa que facer fronte aos gastos que fan posible estas festas.