A Pastoriza contará coa representación da comedia 'Os apuros dun pobre zapateiro' este sábado

O grupo de teatro Augas do Sil presentará este sábado, 13 de decembro, a obra Os apuros dun pobre zapateiro no salón de actos do Concello da Pastoriza. A función, organizada pola Asociación de Mulleres Rurais da Pastoriza e coa colaboración do Concello e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, dará comezo ás 19:00 horas.
A proposta escénica, dirixida a todos os públicos, ten unha duración aproximada de 75 minutos e a entrada será de balde ata completar aforo. O elenco, composto por intérpretes afeccionados, traerá ao municipio unha comedia tradicional que promete humor, ritmo e unha historia entrañable centrada nas dificultades cotiás dun humilde zapateiro.
Coa representación, a organización busca promover a actividade cultural no ámbito rural e ofrecer unha alternativa de ocio accesible para a veciñanza, reforzando o compromiso local coa difusión das artes escénicas.