A Pastoriza convocará de novo as axudas para material escolar
A Xunta de Goberno Local da Pastoriza aprobou de novo as bases para unhas bolsas de material escolar e libros de texto dirixidas a nenos e nenas do Concello.
Esta convocatoria ten por obxecto regular a concesión de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario destinadas ao alumnado empadroado no Concello e escolarizado para o curso 2021/2022 en educación infantil (3-6 anos), educación primaria e educación secundaria obrigatoria.
O obxectivo é “apoiar ás familias con menor renda per cápita do municipio que presenta dificultades económicas para afrontar o gasto que supón o obxecto da axuda”, indican dende o Concello.
Así con esta subvención, os solicitantes poderán mercar libros escolares, material escolar funxible, material de debuxo e mochilas e estoxos.
As axudas poderán solicitalas aqueles que se atopen escolarizados no Concello en calquera dos niveis e que estean empadroados no tempo municipal.
Como sempre nestes casos, a contía das axudas irán en función da renda per cápita familiar e oscilará entre os 120 e os 20 euros de axuda. Ademais, serán compatibles con calquera outra axuda para a mesma finalidade concedidas por parte doutras entidades públicas ou privadas, sempre que as axudas concorrentes non superen o custo total dos materiais subvencionados.
Para esta función reservarase un total de 4.000 euros procedentes do orzamento xeral municipal para o ano en curso.
As bases e os prazos para solicitalas publicaranse nos próximos días no Boletín Oficial da Provincia pero serán de 20 días hábiles. Ademais a xustificación das axudas terá tamén un longo tempo de prazo.