A Pastoriza e Pol únense para solicitar unha axuda para a mellora do ciclo da auga
Os concellos de Pol e A Pastoriza, agrupados con Melide, Fisterra, Silleda e Valga, presentaron recentemente unha solicitude na primeira convocatoria de subvencións en concorrencia competitiva de proxectos de mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga, enmarcada no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia PERTE Dixitalización do Ciclo da Auga, de carácter estatal.
Esta concorrencia conxunta permitirá aos seis concellos, no caso de contar coa subvención, a creación dun sistema de información e ferramentas dixitais en relación co ciclo da auga, mellorando a xestión do mesmo significativamente. A través da tecnoloxía poderíase recompilar, xestionar e almacenar grande cantidade de información en tempo real, facilitando a toma de decisións.
O importe desta subvención superaría os dez millóns de euros a repartir entre todos os concellos e suporán importantes melloras nas redes de saneamento dos concellos.