A Pastoriza fará recollidas de plásticos de silos tamén en febreiro

TerraChaXa
Esta medida tomouse debido á gran cantidade acumulada nas explotacións e sumarase ás que se realizan en maio e novembro
recolllida-plasticos-de-silos
9 Dec 2025

O Concello da Pastoriza informou da ampliación do servizo de recollida de plásticos de silos, que se vén levando a cabo no termo municipal nos meses de novembro e maio. Segundo explican desde o Concello, esta medida tomouse debido á gran cantidade acumulada nas explotacións.

As persoas usuarias interesadas en solicitar este servizo deberán poñerse en contacto co teléfono 982 332 197 cando se achegue a data. Unha vez rexistrada a petición, o Concello organizará a recollida nos días seguintes, seguindo a ruta que corresponda en cada caso.

O executivo municipal lembra que os plásticos deben estar colocados nun punto de fácil acceso para o vehículo de recollida, sempre dentro da explotación e sen obstáculos que dificulten ou atrasen o traballo. Así mesmo, subliña que non está permitido depositar os residuos en bens de uso ou dominio público, nin deixalos nos contedores de lixo nin nas súas inmediacións.

Os materiais entregados deben ser exclusivamente plásticos de silo e teñen que estar limpos de terra. Non se aceptarán cordóns, garrafas nin outros elementos derivados da actividade agrícola.

⚙ Configurar cookies
0.076751947402954