A Pastoriza frea o ritmo de contaxios pero Vilalba volve aumentalos
A covid-19 segue instalada na provincia de Lugo sumando casos activos. Este domingo son 1.098, 67 máis que nas últimas 24 horas (onte foron 39). Rexistráronse neste tempo 88 contaxios novos (onte foron 84) mentres que as altas chegaron ás 7.009, 41 máis que o sábado (o día anterior foron 50). As cifras ofrecen unha visión da provincia en continuo empeoramento.
Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 8.264 casos rexistrados e 151 persoas falecidas.
Ademais, a presión hospitalaria segue a subir. A UCI do Hula acolle 6 pacientes, dous máis que onte, e rexistráronse dúas hospitalizacións máis nas zonas de planta, todas no Hula, que ten 19 pacientes. Ademais hai 13 no Hospital da Mariña (un menos) e 5 no de Monforte.
COMARCA
Na comarca, A Pastoriza amosa un raio de esperanza co descenso de casos acumulados na última quincena. Xa son 83, tres menos que onte. Vilalba, pola contra, continúa en plena expansión, e chega aos 62 casos, oito máis que onte.
O veciño concello das Pontes tamén suma casos, nesta última xornada tres máis, e sobe aos 16. En Castro de Rei baixan dous pla contra, e quedan en 14. No resto de municipios a situación está controlada e só en Pol non tiveron casos novos esta quincena.
No resto da provincia a situación segue moi crítica en Viveiro, Xove, O Vicedo e Cervo mentres Burela mantense estable. No sur, un gromo por unha festa familiar mantén a atención en Monforte e Sarria, mentres Chantada tamén sobe ao igual que Lugo.