A Pastoriza realizará a recollida de plásticos de silos entre o 17 e o 21 de novembro

O Concello da Pastoriza anunciou a posta en marcha dun novo operativo de recollida de plásticos de silos, que se desenvolverá entre os días 17 e 21 de novembro (ambos inclusive). O servizo está dirixido ás explotacións agrícolas do municipio que desexen desfacerse dos plásticos de procedencia agrícola, e deberán solicitalo previamente chamando ao teléfono 982 33 21 97.
Segundo o bando municipal, para prestar este servizo empregarase un camión que pasará polas explotacións que o demanden. O Concello lembra a importancia de seguir unhas pautas básicas para facilitar o traballo: os plásticos deberán deixarse en puntos accesibles para o camión, afastados de liñas eléctricas e árbores, pregados e atados, e libres de arames, terra ou area.
O alcalde accidental, Marcos García Lombardero, sinala no documento que, no caso de que os materiais non estean dispostos conforme ás indicacións establecidas, non serán recollidos.