A Pastoriza inicia as obras de arranxo da rúa Calexón de Bretoña

O Concello da Pastoriza iniciou as obras de mellora da rúa Calexón de Bretoña, situada no núcleo urbano de Bretoña. Trátase dunha actuación de gran importancia para a veciñanza, xa que permitirá renovar unha das rúas máis utilizadas da localidade e dotala de maior seguridade e accesibilidade.
O proxecto contempla a renovación integral do pavimento, que será executado con aglomerado en quente, así como o arranxo das beirarrúas, coa mellora da súa accesibilidade para persoas con mobilidade reducida. Ademais, instalarase unha nova varanda en determinados tramos, co obxectivo de reforzar a seguridade dos peóns.
A obra conta cun investimento total de 49.995,40 euros, dos cales a Xunta de Galicia achega 35.000 euros a través da liña de subvencións destinada a mellora de infraestruturas municipais. O Concello da Pastoriza cubrirá a cantidade restante, 14.995,40 euros, co compromiso de garantir que a actuación se leve a cabo no prazo de catro meses dende o inicio dos traballos.
Segundo explicaron desde o Concello, a actuación “vai supoñer un salto cualitativo no día a día da veciñanza, ofrecendo un espazo renovado, seguro e accesible, acorde ás necesidades actuais”.