A Pastoriza inicia o reparto de composteiros
O Concello da Pastoriza inicia o reparto de composteiros no marco do programa Xuntos pola compostaxe que financian a Xunta de Galicia e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional co fin de reducir a fracción orgánica dos residuos.
As persoas interesadas en recibir nos seus domicilios estes composteiros, de 400 litros de capacidade, poden anotarse nas oficinas municipais ou no teléfono 982.332.197 ata o vindeiro 23 de xaneiro, facilitando os seus datos persoais. Para participar pídese como único requisito dispor dun espazo de horta ou xardín de 50 metros cadrados e comprometerse a facer un uso responsable do composteiro.
Os Concellos de Riotorto, Meira, Pol, Ribeira de Piquín e A Pontenova forman parte tamén deste programa ambiental, pensado para a participación de preto de 1.000 veciños, que ademais de recibir de xeito totalmente gratuíto os correspondentes medios materiais para a elaboración de compost recibirán formación na materia e asesoramento continuado durante o proceso.