A Pastoriza organiza un Campamento de Nadal para nenos e nenas de 3 a 14 anos

O Concello da Pastoriza pon en marcha un Campamento de Nadal dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 14 anos, que se celebrará os días 22, 23, 24, 26, 29, 30 e 31 de decembro. As actividades desenvolveranse en horario de mañá, de 9:30 a 13:30 horas, e incluirán propostas lúdicas e educativas pensadas para favorecer a conciliación familiar durante o período vacacional.
O programa ofrecerá unha ampla variedade de actividades, entre as que se atopan karaoke, bingo de Nadal, manualidades, contacontos, xogos de Nadal, obradoiros de panxoliñas, actividades deportivas, así como unha festa de fin de ano e diversas sorpresas. Dende a organización destacan que se trata dunha iniciativa orientada a promover a participación, o entretemento e a creatividade dos máis pequenos.
O prezo de inscrición é de 35 euros para persoas empadroadas no municipio e de 50 euros para aquelas que non o están. O prazo para anotarse permanecerá aberto do 4 ao 19 de decembro e as solicitudes deberán realizarse a través do número de teléfono 614 533 273. O Concello lembra que as prazas son limitadas e que é necesario un mínimo de dez participantes para poder realizar a actividade.
O campamento está organizado polo Concello da Pastoriza e conta coa colaboración de Gandaina Eventos, así como das ANPA do CEIP de Bretoña e do CEIP O Salvador.