A Pastoriza prepara a súa Cabalgata de Reis para o día 5
O Concello da Pastoriza organiza unha completa xornada para celebrar a tradicional Cabalgata de Reis o vindeiro 5 de xaneiro, con actividades pensadas para todas as idades.
A programación comezará ás 11:30 horas coa visita dos Reis Magos á residencia Fundación San Rosendo, levando ilusión aos maiores. Pola tarde, ás 16:30 horas, terá lugar a saída dos Reis Magos dende o balcón do Concello, seguida dun pasarrúas ata o local social, situado na antiga Ladrilleira.
Ás 17:00 horas, todos os nenos e nenas recibirán un baúl doce como agasallo. A continuación, ás 17:30 horas, os asistentes poderán gozar de roscón e chocolate quente nun ambiente festivo.
A xornada pecharase ás 18:30 horas coa actuación de Peque Disco Moc Moc, que presentará o seu espectáculo Remember Temazos 90-2000, garantindo diversión para pequenos e maiores.