A Pastoriza queda sen orzamento polos votos en contra dos dous partidos da oposición

TerraChaXa
As críticas foron moi intensas por parte dos dous partidos que se queixan dunha baixada do investimento
concello-pastoriza-2
30 May 2025

Os votos en contra do PSOE e o BNG, que sumados superan aos do equipo de Goberno, o PP de Darío Cabaneiro, tumbaron a proposta de orzamentos, que se establecían en 3.842.252 euros e sobre os que o alcalde dixo no Pleno que seguen a liña das anteriores lexislaturas.

Para os socialistas, os orzamentos son pouco ambiciosos e perden con relación ao ano pasado, establecendo unha baixada duns 17.000 euros, unha baixada que o alcalde xustificou por un descenso da recadación, aínda que esta se compensa pola subida de ingresos das taxas. Tamén xustificou a situación polo pago de contas pendentes.

O grupo municipal do BNG votou en contra do orzamento presentado pola corporación para o exercicio 2025 por considerar que se trata duns orzamentos "regresivos, opacos e sen proxecto para o futuro do concello".

Para os nacionalistas unha das decisións máis graves é a drástica redución dun 62% nas partidas destinadas a investimentos reais (de 229000 euros a 84900), "o que supón frear en seco calquera posibilidade de modernización dos servizos públicos ou mellora das infraestruturas municipais. A isto engádese a eliminación dunha partida de 15.000 euros para continxencias e urxencias, un fondo básico para facer fronte a imprevistos que poidan afectar á veciñanza".

Desde o BNG denuncian que 2non hai nin rastro" de planificación para actuacións moi demandadas, como a inversión para a mellora da depuradora municipal, "reclamada incluso polo propio Partido Popular durante anos. Non se recollen tampouco investimentos clave en mantemento de infraestruturas".

Consideran que "a opacidade e a falta de transparencia" son cada vez máis preocupantes. "O goberno local dificulta o acceso ás facturas á oposición, a pesar de que temos dereito a coñecer en que se gasta o diñeiro de todas e todos. Levamos meses agardando pola documentación do primeiro trimestre de 2025, e só mediante reiteradas solicitudes conseguimos, de forma parcial, parte da información. Esta actitude obstaculiza o noso labor de fiscalización e contravén os principios máis básicos de bo goberno. Mentres que nas anteriores lexislaturas tódolos concelleiros tiñan acceso ás facturas e os seus pagos no momento", dixo a voceira, Elva Carreira.

⚙ Configurar cookies
0.1601881980896