A Pastoriza visibilizará ás mulleres do rural cun concurso de fotografía
Dende a Área de Muller e Igualdade do Concello da Pastoriza, no marco dos actos de celebración do día internacional da muller rural, organizará un concurso de fotografía co que se propón visibilizar a través da imaxe as mulleres rurais da Pastoriza.
"O perfil de muller rural mudou moito ao longo destes últimos anos, xa non existe unha única forma que defina ser muller rural, xa que existe gran diversidade nos seus perfís; todas elas unidas por un único fin: vivir nunha contorna rural e afrontar o día a día con dificultades e obstáculos comúns. Hoxe en día o perfil de muller rural do século XXI é moi diverso: labregas, gandeiras, enxeñeiras, coidadoras, economistas, xornalistas, empresarias, etc", explican.
A través deste concurso quérese visibilizar a todas as mulleres e palpar desta forma a percepción que se ten da muller rural, "tendo claro que a muller é un pilar fundamental para avanzar nun rural con futuro e deben ser protagonistas deste avance".
Para participar poderán enviar a fotografía á páxina do Facebook creada para a ocasión Concurso de Fotografía Muller Rural Da Pastoriza, escollendo un título para a foto e poñendo a data e a parroquia onde foi feita.
Pode participar calquera persoa, non importa a orixe, pero a fotografía ten que ser de mulleres do concello da Pastoriza, no seu lugar de traballo, labores diarias ou calquera temática relacionada coas nosas mulleres. As fotografías deben ser orixinais e que nunca foran publicadas.
Os participantes deberán enviar a fotografía á paxina de Facebook entre o 27 de setembro e o 5 de outubro. Ao día seguinte, o día 6 de outubro, serán publicadas e poderán votarse a través do me gusta ata o día 14 de outubro. A fotografía que teña máis me gusta será a gañadora.
A gañadora recibirá un agasallo o día 15 de outubro, día Mundial da Muller Rural.