A Pastoriza, Xermade e Cospeito contan cun tractor para a roza

TerraChaXa
Os concellos da Pastoriza, Xermade e Cospeito dispoñen xa dun tractor para a roza grazas a un novo convenio subscrito coa Consellería do Medio Rural.
tratores
28 Dec 2017

Os concellos da Pastoriza, Xermade e Cospeito dispoñen xa dun tractor para a roza grazas a un novo convenio subscrito coa Consellería do Medio Rural. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería demostra así o seu apoio aos concellos, “tratando de facilitar a execución das súas competencias como é o mantemento libre de maleza das infraestruturas rurais, as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa e determinadas parcelas de titularidade municipal”.

Con este obxectivo, concedeu a cada un dos concellos 90.000 euros para a compra íntegra desta maquinaria, da que unicamente está excluído o imposto sobre o valor engadido (IVE) como gasto subvencionable.

Segundo informou a Xunta de Galicia, os concellos seleccionados foron elixidos baixo criterios obxectivos como o número de habitantes (menos de 10.000), o número de entidades de poboación, o uso en común por máis dun municipio dese tractor, que non recibiran motobombas novas por parte de Medio Rural nos últimos cinco anos, nin máis de 90.000 euros no ano 2017 a través do fondo de compensación ambiental.

Ademais, debían cumprir con algunha das seguintes esixencias: ter subscrito o convenio para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais durante os anos 2016, 2017 e 2018 nas súas tres liñas de actuación, ter rexistrada algunha Parroquia de Alta Actividade Incendiaria no seu territorio (PAAI) ou que teñan predios recoñecidos -ou en proceso de recoñecemento- da titularidade a través da Lei de Mellora Territorial Agraria de Galicia. Na provincia de Lugo resultaron beneficiarios 13 concellos, entre eles os tres da Terra Chá.

0.18997406959534