A película Valentina proxectarase en Vilalba
A película Valentina, que vén de recibir o premio Goya oa mellor filme de animación proxectarase en Vilalba. O concello vilalbés é un dos patrocinadores deste proxecto cinematográfico polo que a súa alcaldesa, Elba Veleiro, felicita a todo o equipo, nomeadamente á súa directora, Chelo Loureiro, a quen recibirá nas próximas semanas no consistorio.
A película conta ademais coa participación da vilalbesa María Barro dentro do seu equipo técnico, quen presentou este proxecto ao Concello de Vilalba, acollendo esta proposta de patrocinio desde a área de Cultura.
Valentina é un filme de animación protagonizado por unha nena con síndrome de down, producida en Galicia e dispoñible en galego, que visibiliza a vida destas persoas facendo fincapé na importancia da inclusión.
O Concello de Vilalba ten previsto programar no futuro unha proxección no municipio, enfocada sobre todo ao público infantil, para quen este filme é unha poderosa ferramenta para abordar as distintas capacidades ao longo de toda a vida, mais de xeito especial desde a infancia. Ademais, a tamén vilalbesa Ana Campos foi a creadora das guías didácticas elaboradas para traballar sobre os contidos da película.
O goberno local felicita de novo ao equipo do filme e, en particular, á vilalbesa María Barro, quen achega un anaco de Vilalba a este proxecto. "Estamos moi felices de ver como agroma o talento vilalbés, do que nos sentimos profundamente orgullosas e ao que daremos o noso apoio dentro das nosas posibilidades, apostando pola cultura, neste caso o audiovisual, a inclusión social e a visibilidade de realidades distintas, así como polo talento da mocidade, neste caso dunha muller de Vilalba que lembrou o seu lugar de procedencia para sumar nun proxecto imprescindible".