A piscina das Pontes estrea hoxe o seu ximnasio

TerraChaXa
O ximnasio da piscina das Pontes abrirá hoxe, 15 de xuño, as súas portas, tras a finalización dos traballos de acondicionamento.
Ximnasio Piscina_as pontes
15 Xuño 2021

O ximnasio da piscina municipal do Concello das Pontes abre hoxe, 15 de xuño, as súas portas, tras a finalización dos traballos de acondicionamento de toda a instalación deportiva, obras que tiveron un investimento de 347.500 euros con cargo á Deputación da Coruña.

Este traballos permitiron crear un único espazo deportivo, independente ao vaso da piscina, no primeiro piso da instalación deportiva municipal, dotado dun sistema de ventilación que permite dispor dun ximnasio máis cómodo, cunha temperatura axeitada e unhas condicións saudables e idóneas para a práctica deportiva.

Deste modo, a sala de máquinas deixa de estar dispersa entre o andar baixo e o primeiro andar, deixando libre a sala de ximnasia e dando así resposta ás demandas das persoas usuarias da instalación municipal.

Para a reapertura do renovado ximnasio, o departamento de Deportes elaborou un protocolo covid específico coa finalidade de garantir a seguridade e a saúde das persoas usuarias das instalacións.

Así, o aforo do ximnasio quedará limitado a un máximo de 6 persoas cada hora e o tempo máximo de estancia na instalación será de 60 minutos, desde a entrada na instalación ata a saída.

Debido ás limitacións de aforo e ás restricións impostas pola situación sanitaria para facer uso do ximnasio estableceuse un sistema de cita previa, idéntico ao establecido para o uso do vaso da piscina, co obxectivo de organizar cada xornada.

A cita debe solicitarse con 24 horas de antelación, chamando ao teléfono 981 44 06 43, de luns a venres, de 08:00 a 14:00 e 16:00 a 20:00 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas.

O horario de apertura das instalacións será de de luns a venres, de 08:00 a 14:00 e 16:00 a 22:00 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, permanecendo pechadas o domingo.

O uso da máscara será obrigatorio en todo momento así como o uso de toalla persoal para o uso das máquinas. Ademais será obrigatoria a desinfección de cada máquina ou aparato, por parte das persoas usuarias, ao acabar de realizar o exercicio.

As zonas de vestiarios terán acceso restrinxido en función das medidas sanitarias establecidas e se poderán empregar os aseos, os cambiadores e as duchas.

A instalación terá unha porta de acceso e outra de saída e haberá diversos puntos de hixiene con hidroxeles, papeleiras e papel desbotable a disposición das persoas usuarias.

0.21669602394104