A plataforma de afectados polas condicións da saca da madeira reúnense este martes en Meira

TerraChaXa | AMariñaXa
Á reunión foron convidados propietarios de monte, concellos e as súas corporacións, empresas do sector, así como representantes do Distrito Forestal X e da Consellería de Medio Rural
ramon-rubal-madeira-aserradoiro
30 Mar 2025

A Casa da Cultura de Meira acollerá este martes, 1 de abril, unha reunión para tratar os problemas que afectan a extracción da madeira na comarca. O encontro, que terá lugar ás 18:00 horas, está organizado pola plataforma de propietarios e propietarias de monte afectados polas taxas municipais e as restricións á circulación da maquinaria forestal nos concellos de Riotorto, A Pontenova, Meira e A Pastoriza.

Segundo denuncian os organizadores, a maioría dos concellos da zona están a cobrar unha taxa duns 300 euros por hectárea para a saca da madeira, unha medida que, aseguran, non existe en ningunha outra parte de Galicia. Ademais, critican a prohibición do Concello de Riotorto de permitir a circulación de maquinaria polas pistas forestais entre outubro e abril, o que dificulta a explotación madeireira.

Á reunión foron convidados propietarios e propietarias de monte, concellos e as súas corporacións, empresas do sector madeireiro e forestal, así como representantes do Distrito Forestal X e do Departamento Territorial da Consellería de Medio Rural de Lugo. Tamén poderá asistir calquera persoa interesada na problemática.

O debate será moderado polo xornalista Xavier Lombardero, especializado en información sobre o medio rural. Os organizadores agardan que o encontro sirva para buscar solucións ante unhas medidas que, segundo afirman, están a prexudicar gravemente o sector forestal da comarca.

Para máis información, os interesados poden contactar coa plataforma a través do correo sacamadeira@gmail.com.

⚙ Configurar cookies
0.602205991745