A Plataforma pola Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes pide modificar o escudo municipal
A Plataforma pola Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes acordou, nunha asemblea celebrada recentemente, solicitar ao Concello a modificación do escudo municipal para incluír nel a cheminea da central de Endesa e o lago.
“A nosa proposta é convocar un concurso de ideas, aínda que xa lles enviamos unha mostra do que pretendemos”, explicou o colectivo, subliñando que tanto a cheminea como o lago “representan dúas das construcións máis trascendentais que se crearon na historia” da localidade.
Ademais, durante a reunión aprobouse solicitar á Corporación municipal, e en particular ao alcalde, a creación dunha comisión específica para abordar a declaración da cheminea como Ben de Interese Cultural (BIC). A plataforma considera que esta medida é fundamental para preservar e poñer en valor o patrimonio industrial da vila.
A finais do pasado mes de xullo constituíuse na Casa Dopeso das Pontes –tras unha asemblea na que participaron unha trintena de persoas– a Plataforma en defensa do Patrimonio Industrial das Pontes, un colectivo que busca preservar as instalacións da central térmica do municipio evitando a demolición de parte das mesmas.