A Plataforma Sanitaria di que unha paciente leva un ano esperando pola cita para un resultado médico
Desde a Plataforma Sanitaria están a axudar a unha paciente que estivo ingresada en xuño de 2017 cun diagnóstico de miocardiopatía dilatada. Durante o seu ingreso fixéronlle un cateterismo e posteriormente déronlle a alta . Solicitáronlle para completar os estudos un Holter - proba que rexistra a actividade do corazón de forma continua e que detecta alteracións no ritmo cardíaco – que se realizou en agosto do 2017 , e un ecocardiograma , feito en setembro de 2017. A partir de aquí comeza a súa odisea, pois chámana desde o servizo de Atención ao Paciente e dinlle que xa a avisarán para darlle os resultados.
Como o tempo pasaba e non a chamaban decidiu contactar coa Plataforma Sanitaria da Mariña para que lle axude a facer a correspondente reclamación. Dáselle rexistro o día 3 de outubro de 2018, un ano despois de facer as probas, con número de entrada 4383. A paciente segue sen ser citada a día de hoxe. A maiores empezan a xurdir problemas relacionados cunha medicación que lle mandaron tomar , pois desde xaneiro deste ano “ comezaron a sairme moretóns en diferentes partes do corpo de forma espontánea que me asustan bastante ademáis dunhas vixigas .Sinto naúseas desde que me levanto e estou cansada.Pero esto non é todo, xa que tiven que ir a saúde mental polos ataques de ansiedade e angustia que teño continuamente , xa que vivo con medo pois sei que unha miocardiopatía dilatada é unha enfermidade grave”- reláta a muller , preocupada e emocionada pola angustia que vive día a día.
Desde a Plataforma Sanitaria esiximos á Xerencia que tome cartas no asunto e comecen dunha vez por todas a traballar para garantir @s usuri@s unha correcta atención sanitaria, enfocada ao servizo dos pacientes e ás súas necesidades e non segundo motivos economicistas, xa que estes criterios foron os que levaron á sanidade pública ao grao de deterioro que padece actualmente e que desembocou na brutal crise sanitaria que estamos a padecer.
“Contraten o persoal necesario, pois saben ben que o Hospital da Mariña e a Atención Primaria teñen un importante déficit de persoal. Cando as plantillas están baixo mínimos, cando as contratacións son tan precarias que rozan a explotación laboral , cando se tensa tanto a corda de ter listas de agarda escandalosamente altas , da orde de ano e medio para uns resultados dunhas probas diagnósticas, estoupan as crises máis virulentas na sociedade”- conclúen os activistas sanitarios.