A poboación en Foz aumentou en 185 habitantes no que vai deste ano
A poboación no concello de Foz aumentou en 185 habitantes no que vai deste ano 2020. Este dato é considerado polo alcalde, Fran Cajoto, como unha oportunidade.
O rexedor municipal explica que “estamos ante un fenómeno que parece se está a repetir na comarca da Mariña, pero no caso de Foz de forma moi destacada Os datos censuais trasladan que Foz pasou dos 10.024 habitantes a 31 de decembro de 2019 a 10.209 habitantes censados a día de hoxe; isto é: un aumento de poboación de 185 habitantes en case 10 meses. Un saldo moi positivo a pesares de que os nacementos continúan por debaixo das defuncións”.
O alcalde engade que “Foz de forma tradicional recibe habitantes das localidades veciñas, polo maior número de servizos que ten a localidade” e destaca “o atractivo educativo que ofrece o concello con, 5 colexios -3 deles públicos-, 2 garderías e un instituto, que xunto coa Escola Municipal de Música Arcadio Mon -que conta con 200 alumnos- converten a Foz nun referente neste ámbito. Sen embargo creemos que o principal impulso para este aumento tan acentuado de poboación censada é a propia pandemia da COVID-19. Certamente Foz é un concello moi atractivo como segunda residencia, que se está transformando en primeira residencia en moitos casos, con estancias que se prolongan na súa duración. As características de Foz, cun paseo marítimo de máis de 5 quilómetros de lonxitude, praia urbana e servizos e establecementos comerciais en funcionamento durante todo o ano, son excepcionais, máis que destacables e que contrastan con localidades doutros puntos da costa peninsular que practicamente pechan fóra da tempada estival”.
Fran Cajoto considera que “temos que perder a timidez e sentirnos orgullosos do que somos capaces de ofrecer. E o teletraballo podería chegar a ser a gran empresa empregadora da comarca e converterse nun sector en auxe en localidades da Mariña como Foz. Neste sentido hai que destacar que este concello conta no núcleo urbano coa fibra da máis alta velocidade que existe actualmente e tamén se está a expandir en parroquias que non contaban con ela como Santa Cilla, San Martiño ou Vilaronte. Para traballos que se podan realizar a distancia de forma telemática Foz convértese nunha alternativa moi forte. A calidade de vida da nosa localidade, sen atascos de tráfico, lonxe de aglomeracións e con amplas zonas para pasear e facer deporte e con todos os servizos, está moi por encima das grandes cidades. Pensemos tamén que polo menor custo da vivenda as probabilidades de medrar e facernos máis grandes é moi alta”.
O alcalde focense remata: “tomamos os datos coa prudencia debida, xa que deberán ser corrixidos polo Padrón e o Instituto Nacional de Estatística, pero marcan unha tendencia clara de crecemento. No Concello traballamos xa con esta idea: unha oportunidade a futuro que debemos potenciar pero que xa se empeza a converter nunha realidade”.