A Pontenova acollerá a XVI Concentración de Sendeirismo de Roteiros de Pol

Este sábado, 10 de maio, celebrarase na localidade da Pontenova a décimo sexta edición da Concentración de Sendeirismo organizada pola Asociación Cultural Roteiros de Pol. A actividade contará cun percorrido de 15,5 quilómetros cunha dificultade media-baixa e inclúe autobús e xantar no prezo da inscrición.
O programa dará comezo ás 08:00 h coa saída de Lugo (na parada de autobuses, na ponte da estación do tren), continuando ás 08:30 h en Mosteiro - Pol (diante do Concello) e ás 08:40 h en Meira. Ás 09:00 h terá lugar a concentración dos participantes na Praza dos Fornos, onde se recollerán os tickets para o xantar. A ruta comezará ás 09:30 h.
Unha vez rematada a camiñada, ás 15:00 h está previsto o xantar, composto por bolos de liscos, bolos preñados, sobremesa e bebidas. Xa ás 16:00 h celebrarase un sorteo de agasallos entre os participantes, no que se repartirán premios como prendas de trekking, ceas para dúas persoas, estancias dunha noite para dúas persoas, vales para visitar a Mina Consuelo ou lanzarse pola tirolina, entre outros.
O prazo de inscrición está aberto ata o mércores 7 de maio e o custo é de 20 euros, tanto para socios como para non socios. As persoas interesadas deben realizar o ingreso na conta da Asociación Cultural Roteiros de Pol, indicando o nome completo.