A Praza do Souto de Cervo está totalmente reformada
O Concello de Cervo vén de rematar as obras de mellora integral da Praza do Souto, e dun tramo da Rúa da Aldea, en Cervo.
O alcalde, Alfonso Villares, e a edil de Infraestruturas, Mali Méndez, estiveron supervisando a actuación que contou cun orzamento próximo aos 300.000 euros (289.250 euros concretamente); todos eles procedentes de fondos municipais, froito do remanente de tesourería; e que tivo como obxectivo “mellorar, embelecer e facer máis confortable esa zona do centro neurálxico de Cervo, tan frecuentada polos veciños deste núcleo, que de por si ten moitísimo encanto, reforzado agora con esta nova obra”.
Tal e como recordou Villares, o proxecto consistiu na renovación do pavimento, creando no caso da Rúa da Aldea espazos diferenciados para os peóns e o tráfico rodado, e incidiuse no concepto da accesibilidade coa eliminación das barreiras arquitectónicas.
Renovouse, así mesmo, a rede de sumidoiros, independizando a recollida de augas residuais e pluviais; e a rede de abastecemento de auga; e melloráronse as redes de alumeado público, de telefonía, e de suministro eléctrico, substituíndo o tendido aéreo en superficie por unha canalización soterrada, eliminando así o impacto visual do cableado.
O rexedor puntualizou que os traballos foron realizados de xeito moi minucioso, colocando pedra a pedra meticulosamente para reforzar o firme “para que a veciñanza poida desfrutar agora dunha praza funcional e perfectamente integrada coa contorna; un escenario excepcional que acondicionamos para que concentre toda a actividade social e cultural da vila”.
A Praza do Souto, centro neurálxico de Cervo, xa está preparada, pois, para acoller os diferentes eventos previstos nos próximos días. O primeiro deles son as Veladas de Teatro, que comezarán este mesmo xoves, 1 de agosto, ás 21:30 horas, da man de O Bordelo, coa colaboración do Concello de Cervo. A entrada é gratuíta.