A presidenta do FSF Castro recibe unhas das distincións ao Mérito Deportivo de Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou na cerimonia de entrega das Distincións ao Mérito Deportivo, que recoñecen o papel sobresaínte de deportistas e entidades na promoción da práctica deportiva. En total, entregáronse 99 condecoracións nesta edición e unha delas foi para Carmen Tojo López, presidenta do FSF Castro.
Con este galardón recoñécese o seu labor exemplar por contribuír á promoción e excelencia do deporte e da educación física en Galicia.
Galicia pechou o 2024 con preto de 320.000 licencias deportivas, un 3,4% máis que en 2023, das cales 98.000 son femininas, ambas cifras récord. Ademais, a Comunidade conta con 1.500 deportistas de alto rendemento (350% máis que hai 15 anos) e, no referido ao deporte escolar, máis de 150.000 nenos e nenas forman parte do programa Xogade, que combina o modelo deportivo de competición coa actividade recreativa nos centros.
Rueda enxalzou o carácter “eminentemente polideportivo” de Galicia e puxo en valor o sistema deportivo consolidado como parte da vida cotiá en toda a xeografía galega. “O deporte galego é un reflexo da nosa identidade como pobo: unha combinación de paixón, esforzo e compromiso”, remarcou para asegurar que é un dos mellores embaixadores por todo o mundo do que significa Galicia Calidade.
O xefe do Executivo autonómico defendeu os beneficios da práctica deportiva “para acadar hábitos saudables e para a cohesión social”, pero tamén o seu impacto económico, agregando que se trata “dun motor para a nosa economía e factor clave para a internacionalización de Galicia”.
Neste senso, reiterou o compromiso da Xunta de Galicia no apoio ao desenvolvemento da práctica deportiva, especialmente o deporte de base e o feminino, así como na súa profesionalización, incluíndo a construción de infraestruturas deportivas, liñas de axuda ao deporte e actuacións para facilitar a conciliación académica e laboral dos deportistas. “Queremos que calquera galego poda practicar deporte dende a infancia ata a vida adulta con todas as posibilidades á súa man”, subliñou.