A programación cultural de outono de Cospeito continúa este sábado cunha obra teatral

TerraChaXa
'Batman un home malo' representarase ás 19.00 horas na casa da cultura da Feira do Monte
programa-outono-cultural-cospeito
18 Out 2024

O Concello de Cospeito continúa este sábado co seu programa de Outono Cultural 2024, unha variada oferta de actividades culturais e lúdicas para todos os públicos. O ciclo deu comezo este xoves 17 co relatorio Cospeito, o noso patrimonio, a cargo de Ana Mar Fraga Rábade, na Casa da Cultura Feira do Monte, onde se abordou a historia e orixes do concello.

A programación inclúe unha serie de representacións teatrais destacadas, como a obra Batman un home malo, que se presentará este sábado, 19 de outubro, ás 19.00 horas. Ademais, poderá verse a comedia A petición de man, o 26 de outubro, ambas de 50 minutos de duración e na casa da cultura da Feira do Monte.

O 9 de novembro, a Asociación A Pena de Cospeito organiza a proxección dun documental, e o 23 de novembro terá lugar a entrega de premios do VII Certame Literario Torre de Caldaloba, na Escola de Pino. O broche final será o 30 de novembro, co Festival de Corais do Porco da Ceba, na Casa da Cultura Feira do Monte.

Esta completa programación conta co apoio da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia, coa colaboración de diversas asociacións culturais locais.

0.14959096908569