A prohibición de plantar pataca prorrogarase un ano máis

TerraChaXa | AMariñaXa
O goberno galego confirmou que a prohibición de plantar patacas nos 33 municipios galegos afectados pola praga da couza guatemalteca será prorrogada, a pesar de que o decreto ministerial fixaba inicialmente dous anos de corentena, que se cumprirán o vindeiro 5 de marzo.
aviso couza
3 Mar 2019

O goberno galego confirmou que a prohibición de plantar patacas nos 33 municipios galegos afectados pola praga da couza guatemalteca será prorrogada, a pesar de que o decreto ministerial fixaba inicialmente dous anos de corentena, que se cumprirán o vindeiro 5 de marzo.
Neste momento non se dan as condicións para levantar as restricións impostas, dado que a praga non está erradicada en todos os municipios e a veda non será suspendida ata que deixen de aparecer capturas nas trampas colocadas. Neste sentido, o voceiro do goberno lembrou que “de nada serviría levantar a veda e que nun ano volva aparecer esta praga”. Aseguran que “os expertos insisten en que se non hai patacas, a polilla non pode reproducirse”, de modo que “está na nosa man acabar coa praga”.
Desde marzo, haberá controis e as multas serán de 3.000 euros para as persoas que non fagan caso á prohibición.
A Xunta fixo público un documento onde se detallan as zonas infestadas e as zonas tampón, que impiden a expansión da praga.
MEDIDAS DE CONTROL

O 3 de marzo de 2017 o Consello de ministros do Goberno de España aprobou un Real Decreto que prohibe o cultivo de pataca por un mínimo de dous anos nas zonas infestadas. Tamén se establece unha zona tampón "os terreos comprendidos dentro dunha franxa de 5 quilómetros arredor do límite dos concellos establecidos como zonas infestadas". As disposicións sobre a zona tampón inclúen medidas de control e erradicación aplicables ás parcelas de cultivo, ás instalacións de almacenamento, ao almacenamento de patacas por particulares para autoconsumo e ao movemento de patacas desde esa zona a zonas non demarcadas. En Lugo a zona tampón comprende os concellos de Xermade, Muras, Vilalba, Cospeito, Castro de Rei, Pol, Meira, Ribeira de Piqiín e Fonsagrada.
O PARÁSITO
A couza da pataca pode atacar a estes tubérculos tanto no campo como en almacén. Os adultos son nocturnos e voan distancias curtas. No campo, poñen os seus ovos no chan ou nos tubérculos ao descuberto. As larvas emerxentes entran en tubérculos e aliméntanse deles construíndo galerías que poden destruír completamente o tubérculo. En almacén poñen os ovos nos tubérculos podendo chegar a provocar danos moi importantes. A fase de pupa pode ter lugar no chan, nas paredes dos almacéns, nos sacos almacenados, etc.
Desenvólvese exclusivamente sobre tubérculos de pataca. A detección e identificación de síntomas de dano é similar á doutras polillas da pataca. As larvas forman galerías que conteñen residuos de comida e excrementos. O orificio de entrada pode permanecer oculto pero os buracos de saída circulares son visibles cando as larvas abandonan os tubérculos. Pódese producir descomposición secundaria debido ao ataque doutros organismos.
Os concellos de Ferrol, Narón e Neda, en 2015, foron os primeiros afectados pola presenza da couza guatemalteca da pataca en Galicia. Estes parasitos producen danos tanto nos cultivos de patacas como cando estas se amorean nos almacéns. As trampas de feromonas, os tratamentos con produtos fitosanitarios, a interrupción do cultivo ou a destrución da colleita son algunhas das estratexias para deter o avance da praga.
En febreiro de 2017 os concellos afectados pola praga en Galicia aumentaron a 31, todos eles nas provincias da Coruña e Lugo. Os concellos afectados en Lugo son Abadín, Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, A Pastoriza, Ribadeo, Riotorto, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.
 
 

0.18314385414124