A próxima edición da Moexmu atrasarase pola coincidencia coa Semana Santa

TerraChaXa
Terá lugar os días 10, 11 e 12 de abril, tal e como anunciou a organización, que xa comezou a preparar a próxima sesión
premios-moexmu-2025
13 Sep 2025

A próxima edición da Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu) atrásase unha semana con motivo da coincidencia coa Semana Santa. Deste xeito, a XLII edición terá lugar os días 10, 11 e 12 de abril de 2026 no recinto feiral “Manuel Vila” de Muimenta.

A comisión organizadora, que comezou en xuño coas reunións de traballo, avanza xa nos preparativos dun evento que volverá ser cita obrigada para o sector gandeiro galego. Nesta ocasión, a Moexmu acollerá tamén o XL Concurso de Gando Frisón, a XL Exposición de Raza Rubia Galega e a XXX Poxa de Gando Selecto, consolidándose como un dos escaparates máis importantes da gandería en Galicia.

Coa celebración desta edición, a comisión inicia a oitava rotación de empresarios e empresarias que asumen a responsabilidade de levar adiante a organización. Ademais, a feira conmemorará as corenta edicións do Concurso e Exposición de Gando Selecto, unha traxectoria que comezou no ano 1987 con instalacións improvisadas en stands de xestas preparadas pola veciñanza, ata a inauguración en 1991 do actual recinto feiral, adquirido grazas á venda dunha masa forestal propiedade do pobo de Muimenta.

Desde a organización destacan o valor histórico e social da feira, que leva décadas apoiando e visibilizando o traballo das gandeiras e gandeiros galegos, e agradeceron de antemán a colaboración de todas as persoas e entidades implicadas.

⚙ Configurar cookies
0.16424798965454