A psicodelia de Magical Colors
Javier Corra, Marcos Maoxu e Alberto Guntín son as caras agochadas tralo nome de Magical Colors, unha banda vilalbesa que leva moitos anos facendo desfrutar a moita xente coa súa música.
O nome da banda está escollido dunha canción de Jon Spencer Blues Explosion e “aínda que musicalmente non estamos moi cercanos a esa banda, o nome pareceunos perfecto para o que facíamos”, comentan.
Ao principio comezaron sendo catro, cando tamén se atopaba Iria, unha excelente baixista, que tivo que deixar o grupo alá polo Nadal de 2018.
Todos os membros son vilalbeses, dous deles de adopción como Marcos, que é asturiano, e Javi, que naceu en Ferrol. O propio da terra é Alberto.
Aló polo 2015, Javi, Marcos e Iria tocaban noutra banda, os Moondogs Blues Party, a cal fixo un parón e eles tres, que non podían descansar da súa paixón pola experimentación e a improvisación, xuntáronse para seguir tocando e desfrutando.
Déronse conta de que quizais lles faltaba unha persoa máis no grupo pois Javier toca a guitarra, Marcos os teclados e Iria o baixo, así que decidiron incorporar a Alberto á batería. “De tocar unhas versións para pasalo ben, pronto comezamos a compoñer temas propios”, di Marcos.
Estes rapaces non pararon nunca de traballar e teñen unha ampla bagaxe. Así, Alberto tocou en Diógenes, Insert Coin, Mi Perro Vincent…, Marcos leva desde os 90 en bandas como Los Trankis, Balandrán e Moondogs Blues Party e colaborando con moitos músicos, bandas, poetas e obras teatrais; e Javi en Meskalina e Moondogs Blues Party.
Todo o seu repertorio son composicións propias e os tres participan na creación das cancións, ademais de que o seu estilo achégase ao rock dos 60 e 70, “facemos un rock aberto a diferentes estilos, con ambientes psicodélicos e improvisacións, optando pola liberdade tanto a nivel compositivo como de expresión musical”, din.
Este verán non saben como resultará o tema dos concertos e a xira que tiñan esta primavera en Galicia e Asturias tivo que ser cancelada e polo de agora están á espera de que salas e festivais podan retomar a normalidade.
O primeiro concerto é algo que nunca se esquece e para eles foi na festa de fin de campaña de Vilalba Aberta en 2015, “cando aínda só tocabamos versións”. Ademais teñen un amplo percorrido pois teñen un gran recordo do seu concerto no Fardela en xaneiro de 2016, “o primeiro no que tocamos cancións propias, con cheo total, e que ademáis foi o derradeiro concerto que se fixo nese local que rexentaba César, que tanto fixo pola música neste pobo e ao que lle temos moitísmo cariño”, lembran con especial agarimo.
Outro concerto que destacan foi o do FaCeLa Fest en Lugo, “chamáronnos nunha época complicada na que acabábamos de quedar como trío e deunos o empurrón necesario para tirar cara adiante e consolidarnos con esta formación”.
O futuro, aínda que está por vir, téñeno bastante claro. “A nosa idea é gravar un novo disco nun futuro máis ou menos inmediato e retomar os directos en canto sexa posible”, ademais de Magical Colors todos os membros contan con diferentes proxectos paralelos musicais e artísticos, como Javi, que está a facer unha serie de vídeos con Iria chamada Música en Noche e que comezaron durante o confinamento e que se poden ver no Facebook. Marcos continúa tocando co cantautor Rafa Lorenzo, co que leva moitos anos colaborando e está comezando co grupo de César Maltrago. Finalmente, Alberto agora mesmo está como baixista en Irmandades do Falo e segue co seu proxecto persoal experimental Tapioca Pudding.