A Quenlla recibe o premio internacional Apecsa 2020

TerraChaXa
A Quenlla recibe o premio internacional APECSA 2020 en recoñecemento polo CD Trobador no Camiño, as cantigas de Martín de Padrozelos.
A quenlla premio
16 Maio 2021

O grupo musical A Quenlla, integrado por Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero), Paloma Suanzes, Tania Capón, Yaiza Seijo, Manuel Dopico, Valery Zviarzhevich e Álvaro Cardalda,  recibiu onte sábado  o Premio Internacional APECSA 2020 de divulgación do Camiño de Santiago, convocado pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA) e dedicada esta oitava edición ás vítimas da covid-19

O Xurado, presidido xornalista, Luís Celeiro Álvarez e integrado por Purificación Carballo, como secretaria, e polos vogais Xosé Luís Muñoz Portabales, do Colexio de Xornalistas de Galicia; Carme Prado Pico, da Asociación de Periodistas de Santiago, e Xavier Goyanes Vilar, da Asociación Pazos de Galicia, destacou e valorou o traballo dos músicos de A Quenlla, poñendo música e editando un CD, “Trobador no Camiño”, coas dez cantigas do trobador, Martín de Padrozelos, considerando que “non é unha gravación máis, é a interpretación a día de hoxe de textos que case teñen mil anos e que abondan na nosa autoestima”.

O Premio non ten dotación económica, A Quenlla recibiu unha escultura, Harmonía, do escultor lugués Luís Loureira, e cada un dos seus integrantes, un diploma acreditativo. No acto de entrega, presidido polo máximo responsable da Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA), o xornalista Xosé María García Palmeiro contou cunha representación ampla dos distintos sectores da cultura de Galicia e co presenza da secretaria Xeral da Universidade de Santiago de Compostela, Dulce García Mella; da concelleira do grupo socialista do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; do Concelleiro do Grupo Popular, José Antonio Fontenla, e a concelleira de Compostela Aberta, Branca Novoneyra, respectivamente. Tamén participou no acto do director do xacobeo, Ildefonso de la Campa.

As dez cantigas de Martín de Padrozelos, recollidas nos cancioneiro da Vaticana e da Biblioteca Nacional de Lisboa, son nove de amigo e unha de amor. As dez forman parte dunha exposición “De Amor e de Amigo, as cantigas de Martín de Padrozelos” que está aberta ao publico ata o día 21 deste mes en Sarria e que recorrerá os concellos da entrada do Caiño de Santiago en Galicia, Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Paradela e Portomarín, conxuntamente cos concellos de Láncara, O Incio e O Caurel.

En edicións anteriores, foron gañadoras deste Premio, A Universidades de Santiago de Compostela e a italiana de Cagliari (2019), o Parlamento de Galicia (2018), Segundo Pérez López, deán da Catedral de Santiago e director da Oficina do Peregrino (2017), a Revista Peregrino editada pola Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago (2016),  e Javier Gómez-Montero, catedrático de Literaturas Románicas da Universidade de Kiel de Alemaña (2015).

0.10796308517456