A quinta edición do festival de música de cámara Son As Pontes terá lugar no mes de xullo
O Concello das Pontes acollerá, durante a primeira quincena do mes de xullo a quinta edición do festival de música clásica Son As Pontes organizado polas Xuventudes Musicais da Coruña en colaboración co Conservatorio Profesional de Música das Pontes.
Trátase dunha proposta artística e pedagóxica que inclúe clases maxistrais e concertos de música de cámara que se desenvolverán en diferentes espazos da vila.
Desde o 9 ao 14 de xullo, unha trintena de alumnos e alumnas participan en clases maxistrais individuais, grupais ou as dúas variantes, dependendo do tipo de matrícula, da man de reputados intérpretes procedentes de diversos ámbitos como pode ser o músico de orquestra, de cámara, solista ou docentes con gran experiencia.
O alumnado, así mesmo, terá a posibilidade de participar no ciclo de novas promesas e a Orquestra de Cámara Son As Pontes, compartindo escenario co corpo docente para achegar á veciñanza á música de cámara de máis alto nivel con concertos de vento, de guitarra, cuartetos con piano, dobre quinteto de vento e contrabaixo, pezas de Mozart, Bach, Beethoven ou Strauss,entre outros.
1º CONCURSO INTERNACIONAL DE MÚSICA CLÁSICA SON AS PONTES
Este ano, como novidade, o Festival Son As Pontes celebrará o primeiro concurso internacional de música clásica que ten como obxectivo prioritario fomentar a difusión da música clásica e incentivar a formación camerística de novos intérpretes.
O concurso, concebido como un encontro de músicos, no que os novos intérpretes poidan convivir, relacionarse, intercambiar coñecementos e empreguen esta experiencia como plataforma para desenvolver a súa carreira profesional o mundo da música de cámara, está dirixido a todo tipo de formacións instrumentais.
Poderán participar concursantes desde os 18 anos en diante, en grupos dun mínimo de dous instrumentistas. A idade media dos compoñentes das formacións de cámara non superará os 30 anos e poderán participar no concurso intérpretes de música clásica de todas as nacionalidades.
O certame realizarase o xoves 14 de xullo, no Auditorio da Casa Dopeso e un xurado profesional, tras unha fase previa na que se seleccionarán a seis formacións, será o encargado de elixir aos grupos gañadores, que recibirán un premio de 1.250 euros no caso de resultar os primeiros clasificados e de 600 euros no caso da formación que ocupe o segundo lugar. O resto das formacións participantes recibirán un diploma.
As formacións interesadas en participar neste concurso deberán inscribirse no enderezo sonaspontes@gmail.com sendo obrigatorio achegar, xunto á folla de inscrición - que se pode descargar na páxina web do Festival Son As Pontes- , unha gravación, mediante un link de Youtube, cunha duración aproximada de 10 minutos e a partitura escaneada da obra que interpretan. A data para inscribirse remata o día 5 de xuño.
Toda a información sobre o 1º CONCURSO INTERNACIONAL DE MÚSICA CLÁSICA SON AS PONTES pode atoparse na páxina web https://www.sonaspontes.com/concurso-de-camara/