A Rapa das Bestas de Carballo reuniu a centos de persoas axudada polo bo tempo en Friol

LugoXa | TerraChaXa
A actividade forma parte dun proxecto orientado á recuperación do Cabalo de Pura Raza Galega
rapa-das-bestas-friol
28 Jul 2025

A comunidade do monte veciñal de Carballo, en Friol, celebrou este domingo 27 de xullo unha nova edición da súa tradicional Rapa das Bestas, cun grande éxito de participación e público, nun día marcado polo bo tempo e a festa.

A actividade, que forma parte dun proxecto orientado á recuperación do Cabalo de Pura Raza Galega, comezou a primeira hora da mañá coa busca das bestas no monte por parte de veciños a pé, cabaleiros e amazonas, que as conduciron ao curro.

O momento máis agardado da xornada chegou ás 12.00 horas coa loita corpo a corpo entre os aloitadores e os animais, un espectáculo cargado de emoción no que se puxo especial atención ao coidado das bestas e á aplicación dos tratamentos sanitarios correspondentes. Ao remate, fíxose entrega de recoñecementos aos aloitadores e cabaleiros participantes.

A mediodía tivo lugar un xantar popular con carpa e servizo de bar, no que os asistentes puideron degustar un completo menú de polbo, churrasco, sobremesa, viño e café.

Xa pola tarde, a festa continuou coas carreiras de galope, a partir das 17.30 horas, entre cabalos cruzados e puros, nas que se repartiron premios de entre 150 e 72 euros. A xornada pechouse cunha animada xincana, que contou tamén con oito premios, os catro primeiros entre 100 e 30 euros, e outros catro de 20 euros.

A Rapa das Bestas de Carballo consolídase así como unha cita esencial do verán friolense, que une tradición, natureza e convivencia veciñal.

⚙ Configurar cookies
0.15508913993835