A Rede Galega no Reino Unido celebra unha romaría en liña para festexar o 25X
A asociación Rede Galega en UK (REGA-UK), con sede en Londres, vai celebrar este sábado, 25 de xullo, unha Romaría online para celebrar o Día da Matria. Por mor da pandemia do coronavirus, a organización substitúe este ano a súa tradicional romaría en Hyde Park por un evento en liña no que participarán artistas de distintos puntos xeográficos. A partir das 7 da tarde, hora galega, a páxina de Facebook de REGA-UK (www.facebook.com/REGAUK/live) será un punto de encontro para a cultura galega que se artella na terra e fóra dela, tecendo redes entre artistas de Galicia, Londres e Arxentina.
Durante a romaría vanse alternar actuacións musicais con intervencións de actores e poetas e mais con saúdos de numerosos artistas. Polo de agora xa está confirmada a participación de músicos como Bieito Romero, Ialma, Carlos Núñez, Belém Tajes, Xabier Díaz, a familia Seivane, Zeltia, os irmáns Carlos e Fran Barcia, Dequenvessendo, Lorena Paz Nieto, David Carril e Son da Illa. O programa completarase coas colaboracións dos actores Touriñán e Diego Freire e do poeta Enrique Gavilanes.
Ademais, durante o evento vanse presentar en exclusiva dous novos temas musicais. Por unha banda, o último single de Ugía Pedreira, que, acompañada de Pier El Gabacho, vai musicar un poema de Enrique Gavilanes. Por outra banda, será tamén a presentación oficial do novo tema do gaiteiro Alberto López, membro do grupo Sete Netos de Bos Aires.
LIGAZÓN ROMARÍA ONLINE: https://www.facebook.com/REGAUK/live/