A Rede pola Igualdade das Pontes volverá reunirse en outubro

TerraChaXa
O xoves, 5 de outubro celebrarase un novo participativo da Rede pola Igualdade, na Casa Dopeso, a partir das 17:00 horas.
REUNION XORNADA IGUALDADE AS PONTES
26 sep 2023

O xoves, 5 de outubro celebrarase un novo participativo da Rede pola Igualdade, na Casa Dopeso, a partir das 17:00 horas. Trátase dunha xornada na que se abordarán as necesidades para a consecución da igualdade en diversos ámbitos (como, poden ser entre mulleres e homes, por motivos de idade, raza ou no eido da diversidade funcional, entre outros); así como propostas de medidas e accións para a contribución á mesma.

A concelleira Tania Pardo destacou que o motivo de que se contemplen diferentes eixos nos que se producen discriminacións responden a que “en encontros anteriores detectouse que, se ben o interese na contribución a eliminar as desigualdades por razón de xénero era o que motivou ás entidades a sumarse a esta rede, era necesario tamén afondar no concepto de interseccionalidade, en tanto que a existencia de discriminacións noutros planos (por idade, por raza, etc.) agravan estas situacións de desigualdade”.

Para tal fin, desenvolveranse diferentes dinámicas interactivas entre as persoas asistentes, o que consiste un dos piares fundamentais deste espazo: a participación. A través destas, as persoas participantes poderán reflexionar e debater sobre os factores que inciden na existencia de situacións de discriminacións entre persoas, así como sobre como poder contribuír á igualdade dende o seu ámbito de actuación, pero tamén entendidas como unha maneira de promover o coñecemento e a colaboración entre as mesmas. Será un encontro aberto á cidadanía, sendo imprescindible inscribirse a través do seguinte formulario para poder asistir.

Rede pola igualdade das Pontes

A finais do ano 2022, o Concello das Pontes puxo en marcha a Rede pola Igualdade, un espazo concibido para a reflexión e debate cidadá en materia de igualdade entre mulleres e homes, e de forma transversal noutros eidos, como: por motivos de idade, de raza ou diversidade funcional. Durante este período veñen realizándose diferentes encontros nos que teñen participado diferentes entidades do tecido social e económico do municipio, coa finalidade de darlle forma a este espazo participativo. A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Tania Pardo, destacou que “grazas a colaboración destas asociacións e empresas é que a día de hoxe temos unha Rede consolidada, na que se teñen participado ata 36 organizacións distintas”.

Agora pois, xa consolidada, a súa principal ocupación consiste en desenvolver múltiples actividades en prol da igualdade (encontros participativos, xornadas informativas e formativas, mesas de debate e conferencias, eventos lúdicos, etc.). Tania Pardo incidiu en que “é benvida a este espazo toda persoa que teña interese en contribuír o seu gran de area para acadarmos unha sociedade igualitaria na que non se dean situacións de discriminación por motivos de xénero, así como doutra índole”. Así mesmo, quixo animar á cidadanía pontesa a participar nas actividades que se desenvolvan dende esta rede, entre as que se poden mencionar encontros participativos, xornadas formativas e informativas, como conferencias ou mesas de debate.

A MLCI terá unha xornada formativa en materia de igualdade

Pola súa parte, a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero tamén está citada para unha actividade. Nese sentido, o mércores 27 de setembro terá lugar unha Xornada de Formación sobre Mulleres Inmigrantes e Violencia de Xénero, a cal vai dirixida a todo o persoal das diferentes administracións e servizos que conforman esta Mesa. Esta xornada vén determinada polas necesidades detectadas no anterior encontro, celebrado o 28 de xuño, no que se afondou na situación e nas violencias de xénero en mulleres de colectivos vulnerabilizados, como son as persoas con discapacidade, maiores e inmigrantes. Segundo Tania Pardo, “unha das conclusións extraídas neste encontro referíase á existencia de situacións que experimentan estas mulleres que inciden nunha maior vulnerabilidade, como son: contar cunha maior dependencia económica ou con menos ferramentas para a detección das violencias”. Debido a isto, entendeuse necesario impulsar esta xornada formativa coa finalidade de optimizar o labor de cada unha destas institucións no referido á sensibilización, prevención e intervención ante as situacións diferenciais que experimentan, entre outras, as mulleres inmigrantes.

0.22495579719543