A regulación do PAI e a renovación da rúa do Rego, serán temas do pleno do Concello de Vilalba

O Concello de Vilalba celebrará mañá xoves, 29 de maio, o pleno ordinario da corporación municipal ás 18:00 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura.
O cambio de localización da sesión plenaria, que pasa da Casa do Concello á Casa da Cultura, vén motivado polas obras de rehabilitación que se están a levar a cabo nas dependencias municipais e que “avanzan a moi bo ritmo, permitindo o funcionamento normal dos servizos do Concello”.
Unha sesión plenaria á que o goberno local levará o regulamento do Punto de Atención á Infancia, “un compromiso que lle trasladamos en datas anteriores aos nosos veciños e veciñas e co que seguimos dando pasos para intentar abrir o PAI de cara ao vindeiro curso con 20 prazas de educación de 0 a 3 anos”, explicou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.
“Tamén levaremos ao pleno a ordenanza municipal de estacionamento e pernoita de autocaravanas, outro compromiso que acadamos na última sesión plenaria e que cumprimos para regular o funcionamento da nova área de autocaravanas que se instalará nos vindeiros meses na Madalena e que permitirá pasar de 2 a 7 prazas para o estacionamento deste tipo de vehículos”, adiantou a rexedora vilalbesa, Marta Rouco.
Pola súa banda, o equipo de goberno tamén propón a prórroga dos contratos para a prestación dos servizos de limpeza e conserxería das instalacións, dependencias e centros escolares de titularidade municipal. Un contrato que supón un investimento municipal de 500.000 euros anuais.
No relativo ás infraestruturas urbanas, o equipo de goberno presentará á sesión plenaria o proxecto de obra para a mellora do pavimento na rúa do Rego. Un proxecto cun orzamento de 47.882 euros que contempla o levantamento do pavimento existente para a colocación dunha nova base de saburra, un novo pavimento peonil e rodado de formigón e a instalación de pluviais coa consecuente conexión á rede de saneamento municipal.
Tamén se presentarán propostas relativas á mellora de infraestruturas rurais e nesa liña, o goberno local levará ao pleno o proxecto de obra para o mantemento e mellora das vías municipais de acceso a parcelas agrícolas en 6 parroquias do rural vilalbés: Belesar, Santaballa, Tardade, Sancovade, Oleiros e Román.
Finalmente, abordaranse outras cuestións como a modificación da base número 24 das bases de execución do orzamento xeral co Concello para o exercicio 2025 e a proposta de modificación do Regulamento de funcionamento e actuación dos tribunais de selección e uso de medios electrónicos nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público no ámbito do Concello de Vilalba.